O SERGAS PUBLICA OS RESULTADOS PROVISIONAIS DA FASE DE OPOSICIÓN PARA PERSOAL DE SERVIZOS XERAIS, NA QUENDA DE DISCAPACIDADE INTELECTUAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
18 06 2021
 

​O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o modelo definitivo de respostas dos distintos exercicios e ás puntuacións provisionais  da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de persoal de servizos xerais, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual.

Ás probas selectivas deste proceso presentáronse 101 aspirantes, resultando aptos un total de 90, o que representa unha porcentaxe do 89,10 %.O número de prazas convocadas neste proceso é de nove.

O modelo definitivo de respostas, con indicación das preguntas anuladas e o seu motivo de anulación así como as puntuacións provisionais obtidas polos aspirantes, atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

A resolución abre un prazo de cinco días hábiles contados a partir do día 21 de xuño para presentar reclamación ante o respectivo tribunal de selección, unicamente de existiren erros na confección aritmética da puntuación obtida.

As reclamacións deberán presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e deberán dirixirse á sede do tribunal a efecto de comunicacións, situada na Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde.

Habilitouse un enderezo de correo electrónico no que os aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións.

Finalizados os prazos de reclamación previstos nesta resolución publicaranse no Diario Oficial de Galicia as puntuacións definitivas dos distintos exercicios e o acordo de finalización da fase de oposición.

O Servizo Galego de Saúde comezou no ano 2018 coa convocatoria de procesos selectivos para o ingreso como persoal estatutario fixo de persoas que acrediten unha discapacidade intelectual, a través dunha quenda diferenciada coas pertinentes adaptacións de temarios e tempo de realización das probas co obxecto de garantir a concorrencia destes aspirantes en condicións de igualdade ao emprego público, facilitando así a súa integración laboral.

Co fin de facilitar este labor e realizar actividades de asesoramento e apoio na inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual a Consellería de Sanidade ten asinados convenios de colaboración coas entidades FADEMGA Plena Inclusión, DOWN Galicia e Aspace Galicia .

Na actualidade xa están a prestar servizos nas institucións sanitarias do Sistema Público de Saúde Galego un total de 30 celadores, con vínculo fixo, aos que se están a sumar nestes días 11 técnicos en coidados auxiliares de enfermería; con prazo de toma de posesión aberto que finaliza o próximo 7 de xullo.

Así mesmo están convocados xa novos procesos selectivos para o acceso ás categorías de pinche (39 prazas) e técnico/a en farmacia (10 prazas) e no decreto de oferta de emprego público para o ano 2021 autorizouse a convocatoria dun total de 25 novas prazas por esta quenda de acceso, 15 na categoría de celador e 10 na de grupo auxiliar da función administrativa, que permitirá, logo da resolución de tales procesos, a incorporación de 115 profesionais por este sistema de acceso.​

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss