SANIDADE CONVIDA Á CIDADANÍA A DOAR SANGUE E COMEZAR AS VACACIÓNS DE VERÁN DO XEITO MÁIS SOLIDARIO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
22 06 2021

​O  conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acudiu esta maña a doar sangue ata a unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), que visitou esta mañá o edificio administrativo da Consellería de Sanidade en San Lázaro, e que supón unha das primeiras visitas que forman parte da campaña de doazón “Verán 2021”, que se prolongará ata o vindeiro mes de setembro baixo o lema “Súmate ao noso equipo”.

A Consellería de Sanidade salienta a importancia de doar sangue nos meses de verán,  xa que é un período do ano de case catro meses no que non diminúe a necesidade de compoñentes sanguíneos por parte dos centros sanitarios galegos, e continúa sendo preciso obter unha cifra de entre 400 e 500 doazóns de sangue diarias para posibilitar, deste xeito, o axeitado desenvolvemento do intenso labor asistencial dos centros hospitalarios galegos.
 
ADOS estima que, entre os meses de xuño a setembro, serán precisas ao redor de 40.000 doazóns de sangue para garantir o abastecemento de compoñentes sanguíneos aos hospitais galegos.
 
Súmate ao noso equipo
Para posibilitar a consecución deste obxectivo, o departamento sanitario galego salienta que a campaña “Súmate ao noso equipo” de ADOS achegará o solidario xesto da doazón de sangue ata a meirande parte dos concellos galegos durante o período estival, e convida a toda a cidadanía a doar sangue e colaborar activamente.
 
Sanidade remarca o carácter solidario dos galegos e galegas que, mesmo no pasado ano que estivo marcado pola pandemia sanitaria da covid, non freou a xenerosidade e compromiso dos cidadáns, xa que Galicia consolidouse como a terceira Comunidade Autónoma en taxa de doazón de sangue.
 
Por último, Sanidade agradece a todas e todos os doantes de sangue a súa inestimable colaboración e compromiso co solidario xesto da doazón, e lembra que se trata dun chamamento xeralizado a todos os doantes de sangue pero especialmente, nestas semanas, aos grupos sanguíneos A Positivo e A Negativo.
 
Así mesmo, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue lembra que pon a disposición de toda a cidadanía a súa web http://ados.sergas.gal; o enderezo de correo electrónico, doadoressangue.ados@sergas.gal; o teléfono de información gratuíto 900 100 828; e as súas páxinas en redes sociais como xeito de comunicarse con ADOS ou resolver calquera dúbida relacionada coa doazón.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss