A XUNTA TEN XA REMATADO O PROXECTO DE AMPLIACIÓN DO HOSPITAL DE SANTIAGO QUE AUMENTARÁ A SÚA SUPERFICIE EN CASE UN 30%
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
25 06 2021
 

O conselleiro de Sanidade, Julio Garcia Comesaña, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia ten xa rematado o proxecto de ampliacion do Hospital de Santiago, que suporá un crecemento de 30.000 metros cadrados, o que significa case un 30% máis de superficie para este centro sanitario, que medrará en dous dos seus tres edificios. Trátase dun investimento global que estimamos, -dixo o conselleiro-, ao redor de 60 millóns de euros, e vai ser unha ampliación cunha incidencia directa no laboratorio de microbioloxía, na área de autopsias, na área de urxencias e, particularmente, nas urxencias pediátricas, nas áreas de endoscopias, nos bloques cirúrxicos, nas unidades de hospitalización, no hospital de día e noutras unidades como mama, neumoloxía, alerxia, dor, anestesia ou cirurxía plástica e maxilofacial.

Para poder licitar a obra é necesario avanzar na tramitación urbanística e, ao respecto, o conselleiro sinalou que o seu departamento xa se puxo en contacto co Concello de Santiago, co obxecto de reunirse e tratar de axilizar este proceso, a ser posible mediante a figura de proxecto público de especial interese, que recolle a lexislación urbanística galega para este tipo de actuacións. García Comesaña agarda ter nos próximos días unha primeira xuntanza, co fin de definir o proceso e permitir licitar a obra o antes posible.
 

Ademais, remarcou tamén na visita, que a Xunta vén de adxudicar nestes días dúas obras importantes do hospital. Por un lado, a demandada obra de reforma da UCI, cun importe de ao redor dun millón de euros, para poder comezala este verán, cumprindo o compromiso cos profesionais e coa cidadanía e, por outro, a obra de reforma da farmacia hospitalaria, que suporá unha achega superior aos 3 millóns entre a obra e a adquisición de equipamento. Lembrou, tamén o conselleiro, a incorporación en marzo do primeiro equipo HIFU de tratamento do tremor mediante ultrasóns que se instala nun hospital público español. Estas obras, xunto ás xa rematadas en urxencias e a unidade de ictus, xuman xa preto de 8 millóns nas actuacións parciais de obra e equipamento desenvolvidas neste hospital nos últimos anos.

Asemade, agradeceu ao persoal do hospital o esforzo realizado para compatibilizar obras como estas, coa situación asistencial que se vive coa pandemia.

Unidade de Ictus
Estes anuncios foron dados a coñecer por García Comesaña no transcurso da visita que realizou á nova unidade de Hospitalización de Ictus no Hospital Clínico de Santiago, unha obra realizada precisamente durante a pandemia e que está previsto que comece a funcionar en xullo. Conta cun orzamento conxunto de 450.000 euros para obra e equipamento, unha reforma no andar de neuroloxía que xa acaba de rematar e que consiste nun novo espazo común cun control para a atención aos doentes con Ictus, que disporá de 6 camas e nova monitorización 24 horas.
 

A área sanitaria compostelá creou a primeira unidade de Ictus de Galicia no 2004, e foi o centro de referencia para toda a comunidade ata a posta en marcha do Plan Ictus de Galicia en 2016, que está a mellorar moito a atención a unha patoloxía tan dependente do tempo de reacción como é esta.

A nosa Comunidade conta cunha Central de Atención ao ictus, con neurólogos de garda 24 horas e 365 días para asistir, coa axuda da telemedicina, a calquera servizo de urxencias dun hospital comarcal. Ademais, hai 6 hospitais galegos con equipos especializados en ictus e outros 3, entre eles o de Santiago, que ademais de contar con ese equipo, teñen unha unidade de ictus.

No ano 2020, no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago ingresaron 604 pacientes con ictus (520 con ictus isquémicos e 84 hemorraxias cerebrais). Grazas á existencia da unidade de Ictus, o 48% dos doentes que acudiron a Urxencias aqueixados cun accidente cerebrovascular (1.258 en total) puideron ser dados de alta desde o propio servizo de urxencias. A existencia dun equipo multidisciplinar permitiu realizarlles un estudo diagnóstico completo que revelou con garantías que a súa situación clínica o permitía. O tratamento do ictus require de persoal especializado e adestrado.
 
Os doentes con ictus isquémico que acoden aos servizos de urxencias nas primeiras catro horas e media tralos primeiros síntomas poden beneficiarse dos tratamentos máis eficaces e específicos para esta doenza.
 

O Hospital Clínico Universitario de Santiago é un dos centros de atención ao ictus de Galicia e foi o primeiro en contar cunha unidade específica para esta patoloxía. Foi tamén pioneiro en ter unha unidade de atención as 24 horas e é líder no tratamento e investigación do ictus en Galicia.

Sinalar, ademaís, que na visita, o conselleiro estivo acompañado pola xerente da área, Eloína Núñez Masid, a directora de Recursos Económicos da área sanitaria compostelá, María José López Rebollo, e o xefe do servizo de Neuroloxía, José María Prieto.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss