UN ESTUDO DOS IDIS AVALÍA O PROGNÓSTICO DOS PACIENTES CON INFARTO DE MIOCARDIO TRATADOS NA ÁREA SANITARIA COMPOSTELÁ NOS ÚLTIMOS DEZ ANOS E RESALTA A NECESIDADE DE DARLLE PULO A UNHA MAIOR EDUCACIÓN SANITARIA PARA UN DIAGNÓSTICO PRECOZ
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
28 06 2021

Santiago de Compostela, 28  de xuño de 2021.- O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) amplía a súa canteira coa incorporación da Dra. Ana Belén Cid Álvarez, cardióloga no CHUS e tamén investigadora do CIBER de Enfermidades Cardiovasculares (CIBERCV), que acaba de defender na Facultade de Medicina da USC a súa tese doutoral, Programa de atención ao infarto agudo de miocardio con elevación de segmento ST na área centro de Galicia. Determinantes prognósticos, detección de grupos de risco e oportunidades de mellora.

 

 
Dirixida polo doutor José Ramón González Juanatey, coordinador da Área de Inflamación do IDIS, do Grupo de investigación en Cardioloxía e xefe do servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), analiza máis de 2.000 pacientes atendidos na Área Sanitaria compostelá durante unha década (2008-2018) con infarto agudo de miocardio con elevación do segmento ST (IAMCEST) sometidos a terapia de reperfusión urxente, incidindo na necesidade dunha maior educación sanitaria para lograr un diagnóstico precoz.
 
A pesar de que, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, a incidencia de IAM mantense estable e a mortalidade por enfermidade cardiovascular vai diminuíndo progresivamente neste período, segue sendo a primeira causa de morte na poboación galega seguida das enfermidades neoplásicas.
O obxectivo principal desta tese é coñecer o prognóstico da poboación a estudio, así como os factores que o determinan na área centro de Galicia, que se caracteriza por unha rede de atención ao IAMCEST consolidada onde a terapia de reperfusión na práctica totalidade dos casos é o intervencionismo coronario percutáneo primario.
 
Definir unha poboación obxectivo á que dirixir as campañas, clave
Os achados máis relevantes deste traballo no que respecta a tempos de atención son, en primeiro lugar, unha media de tempo dende inicio dos síntomas ao primeiro contacto médico superior á esperada, o que motiva a realización dunha análise para buscar os factores que explican este retraso tanto dependentes do individuo como do seu entorno. Nesta análise reveláronse como determinantes, independentes de maior atraso en solicitar axuda, a idade, o sexo feminino, non ter antecedentes de cardiopatía isquémica, non establecer o contacto a través do 061 e o nivel educativo. “Deste xeito, detectamos unha poboación obxectivo á que dirixir campañas específicas de formación e información sanitaria”, indica a investigadora do IDIS Belén Cid.
Asemade, o lugar onde os pacientes establecen o primeiro contacto co sistema sanitario tras o inicio dos síntomas e como se realiza o traslado son datos fundamentais para testar o funcionamento da rede de atención ao infarto. Neste estudo, determinouse que o 32% dos pacientes contacta directamente co Servizo de Urxencias do CHUS, un 31,5% en atención primaria e só un 23,5% chama ao 061, “a pesar de que o primeiro contacto co 061 demostrou ser a forma máis rápida e segura de atención en pacientes que sofren un infarto”, sinala Cid.
En relación aos tempos dependentes do sistema, é dicir, dende que o paciente contacta co sistema sanitario ata que se realiza a reperfusión ou apertura da arteria responsable do infarto, encóntranse dentro do rango especificado como ideal polas guías de práctica clínica, aínda que se teñen detectado retrasos superiores en áreas concretas.
 
Sen diferencias entre sexos no risco de sufrir eventos a longo prazo
Neste traballo se ten estudado de forma pormenorizada o prognóstico dunha poboación non seleccionada e que, polo tanto, é reflexo da práctica clínica real gracias ao sistema de información IANUS. Entre as principais conclusións, destaca que non existen diferencias significativas entre sexos en canto ao risco de sufrir eventos a longo prazo. Esta redución da “brecha de xénero” na nosa poboación pode deberse a que contamos cunha rede de atención ao IAM madura, con aplicación sistemática de reperfusión e tratamento médico baseado na evidencia similar en mulleres e varóns.  Asemade, o  prognóstico de pacientes con enfermidade multivaso (con máis dunha arteria coronaria como enfermidade significativa, ademais da responsable do infarto) ten sido amplamente estudiado, demostrando que os pacientes cunha revascularización máis  completa no momento da alta presentan mellor prognóstico durante o seguimento.
Por outro lado, cómpre destacar que os investigadores composteláns foron os primeiros en determinar a capacidade predictiva de eventos no contexto do IAMCEST do Score SYNTAX II, que ten demostrado ser o máis completo e mellor predictor de eventos no seguimento na nosa poboación.
 
Significativa redución da mortalidade nos últimos anos do estudio
Ao longo destes anos de estudio se ten observado unha redución significativa tanto da  mortalidade e eventos intrahospitalarios como durante o seguimento, sobre todo no  último período de estudio (2015-2018) polos cambios no manexo prehospitalario, o  tratamento intervencionista (xeneralización de stent farmacoactivo) e a optimización do manexo médico.
A autora da  tese, Belén Cid, incide por último nas necesidades de mellora, entre as que destacan “a necesidade de programas educacionais para a poboación, que incidan en contactar de forma inmediata ao 061 ao aparecer os síntomas, mellorar os tempos dende o contacto médico a reperfusión en áreas más desprotexidas, levar a cabo unha  revascularización máis completa en pacientes con enfermidade coronaria múltiple e establecer programas estruturados para a atención a pacientes con shock cardioxénico”.
 
Sobre o IDIS
O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) é un centro de investigación traslacional, de innovación e transferencia de coñecemento que favorece as sinerxias entre as áreas sanitarias de Santiago de Compostela e Barbanza; a de Lugo, Monforte e Burela e a Universidade de Santiago, e ao que están vinculados 95 grupos e máis de 1.300 investigadores. Naceu en 2008 para poñer en valor o coñecemento aplicado e situou a Galicia como referente internacional no campo da biomedicina. Foi o primeiro centro galego acreditado polo Instituto de Saúde Carlos III en 2010.
No pasado exercicio, os investigadores composteláns captaron máis de 31 millóns de euros e acadaron fondos para desenvolver 88 novos proxectos de investigación en convocatorias de concurrencia competitiva de índole autonómica, nacional e internacional. Mantense así a situación de liderado do IDIS  como un dos institutos de investigación sanitaria máis competitivos no ámbito nacional e de referencia absoluta en Galicia.
Nos dez anos de andadura acreditada do principal polo de investigación biomédica público galego desenvolvéronse 687 proxectos de investigación e captáronse 216.344.110 € para, desde Compostela, contribuír á mellora da saúde da cidadanía e manter intacta a tradición sanitaria da capital galega.
Así, pesares das dificultades do pasado ano e da diminución nas convocatorias para investigación no eido xeral, os investigadores do IDIS captaron un total de  31.340.579 euros.

 

Saúdos,

 

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss