A ÁREA SANITARIA COMPOSTELÁ IMPLANTA CON ÉXITO O SEU PRIMEIRO “CORAZÓN MECÁNICO”
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
01 07 2021

Santiago, 1 de xullo 2021.- Un equipo multidisciplinar de profesionais da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza ven de implantar con éxito o primeiro “corazón mecánicol” a un doente de 74 anos que xa está no seu domicilio. Este dispositivo de Asistencia Cardíaca de Destino supón unha alternativa ao transplante para determinados doentes con insuficiencia cardíaca avanzada.

 
A insuficiencia cardíaca é unha enfermidade do corazón que afecta á súa capacidade de bombear o sangue e facer funcionar o noso organismo. En estadíos avanzados, a calidade de vida deteriórase considerablemente e a supervivencia dos doentes é moi baixa. Cada ano ingresan máis de 1.000 pacientes con insuficiencia cardíaca no Hospital Clínico de Santiago; aproximadamente o 1-5% deles poderían ser candidatos a terapias avanzadas de insuficiencia cardíaca.
 
O servizo de Cardioloxía da Área Sanitaria de Santiago ven de incorporar entre os seus tratamentos o dispositivo de asistencia ventricular esquerda de longa duración (DAVI) que funcionará como un “corazón  mecánico”. Para iso creouse un equipo multidisciplinar no que ademais do Servizo de Cardioloxía participan profesionais dos Servizo de Cirurxía Cardíaca e Anestesia e Reanimación.
 
Este dispositivo é unha bomba mecánica implantada dentro do tórax do paciente que axuda ao corazón para bombear o sangue desde as cámaras inferiores do corazón (os ventrículos) cara ao resto do corpo. Habitualmente colócase no ventrículo esquerdo, aspirando o sangue desa cavidade e bombeándoa á aorta (arteria principal que canaliza o sangue do corazón ao resto do corpo) e require dunha fonte de enerxía externa. Debido á súa complexidade e á situación clínica dos pacientes nos que se implanta, precísase un equipo multidisciplinar formado especificamente no manexo de asistencias ventriculares esquerdas de longa duración.
 
Estes dispositivos pódense implantar como ponte a un transplante cardíaco en pacientes que non poderían esperar para o transplante sen soporte circulatorio; tamén como ponte en pacientes que non son candidatos actualmente a transplante cardíaco pero poderían selo no futuro; como ponte a recuperación en pacientes que con axuda deste dispositivo melloren a función cardíaca e por último como terapia de destino, en pacientes non candidatos a transplante cardíaco.
 
“A incorporación das Asistencias Cardíacas de Destino representa un fito na atención a pacientes con insuficiencia cardíaca da nosa área sanitaria e da de referencia (Pontevedra-Salnés). Significa a chegada do que poderíamos denominar corazón mecánico á atención ao paciente con insuficiencia cardíaca avanzada que constitúe a máis nova tecnoloxía na atención a estes pacientes”, subliña o xefe do Servizo de Cardioloxía da área sanitaria compostelá, José Ramón González Juanatey  “Levamos con éxito o primeiro procedemento entre cirurxiáns cardíacos, anestesistas e cardiólogos-continúa- e o primeiro paciente tivo unha evolución fantástica e polo tanto creemos que Santiago se incorpora a unha nova área de desenvolvemento da cardioloxía, da medicina cardiovascular, da que seguro que moitos pacientes se poderán beneficiar e poderán prolongar a súa vida, e mellorar a súa calidade de vida, e nós seguimos no compromiso de incorporar á medicina pública os mellores avances para a atención aos nosos pacientes”.
 

 

 
 
 
 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss