NOVA UNIDADE INTRAVÍTREA, UN ANO REDUCINDO O NÚMERO DE VECES QUE O PACIENTE ACODE Á CONSULTA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 07 2021

​O Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol da Área Sanitaria de Ferrol conta cunha Unidade Intravítrea no Servizo de Oftalmoloxía dende maio do pasado ano 2020. Habilitouse un espazo específico no andar primeiro do Hospital Naval no que xa se teñen realizado más de 10.000 actos sanitarios que facilitan a atención ós pacientes con dexeneración macular asociada a idade ou con edemas maculares, entre outras afectacións. A maior vantaxe que implica configurar esta Unidade é que se realiza un acto único para o paciente.

 
Así, o paciente vese e séguese no mesmo día. Antes viña en días distintos para a aplicación da medicación, que moitas veces son varios días, e outro para a consulta de seguimento. Agora nesta Unidade pode facelo todo nun día, o que, por outra banda, facilita e mellora tamén a asistencia e frecuentación do paciente para recibir a súa medicación. “Algún dos pacientes ten que vir ata 28 veces diferentes, se ten afectación nos dous ollos, e son visitas que deste xeito se reducen”, explica a responsable do Servizo de Oftalmoloxía, Dolores Álvarez Díaz. “Agora, dende que se detecta unha dexeneración macular ou un edema macular diabético, xa se aplica o tratamento en menos de 24 horas. Non hai pacientes a agardar por estes tratamentos”, engade.

 

Primeira unidade destas características

A Sociedade Española de Retina-Vítreo aconsella que os tratamentos intravítreos se fagan en unidades específicas e con uns criterios determinados. O Servizo de Oftalmoloxía do CHUF é dos primeiros de Galicia en ter tódolos requisitos necesarios para configurarse como unidade xa hai máis dun ano. As patoloxías que se seguen neste ámbito son fundamentalmente a DMAE (Dexeneración macular asociada á idade) e os edemas maculares, ben de orixe diabético ou por trombose venosa ou obstrución da arteria central da retina. Patoloxías que implican unha actuación, como o propio nome indica, de introducir a medicación monodose realizada polo Servizo de Farmacia do Complexo, no vítreo do ollo.

 
Son seis profesionais os que fan posible esta mellora asistencial, dous facultativos especialistas en Oftalmoloxía, dúas profesionais de Enfermería, Técnico de Coidados Auxiliares de Enfermería e persoal administrativo. O Servizo de Oftalmoloxía realiza unhas 40 intervencións intravítreas diarias no espazo específico habilitado no Hospital Naval do Complexo Hospitalario. A atención global a este tipo de patoloxías realízase en consultas e salas habilitadas ó respecto e nas que se incorporou o equipamento necesario como unha OCT, que fundamentalmente realiza as fotografías do fondo do ollo e escanea a retina nestas patoloxías; un tonómetro, que mide a tensión ocular; pantalla de octotipo, ou lámpada, entre outras cuestións.

 
Incremento de actividade
As actividades relacionadas con estas patoloxías téñense incrementado progresivamente ó longo dos anos, e agora refórzanse e aglutínanse nestes novos espazos. As consultas e os tratamento separados da actividade de retina xa se producen dende o ano 2014, pero deuse un paso máis coa creación da Unidade. Só no seu primeiro ano de funcionamento como Unidade, dende maio do pasado ano, realizáronse 10.144 actos sanitarios, 6.284 medicacións administradas e 3.860 consultas realizadas.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss