A CONSELLERÍA DE SANIDADE E O CONCELLO DE PALAS DE REI ASINAN UN CONVENIO DE COLABORACIÓN PARA A REFORMA DO CENTRO DE SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
07 07 2021

 
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Palas de Rei, Pablo José Taboada Camoira, asinaron hoxe un convenio de colaboración no que se establecen as bases para o financiamento das obras de reforma do centro de saúde da localidade. No acto, estiveron acompañados polo  delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz, e polo secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes Losada.

O investimento deste proxecto de mellora ascende a 39.780 euros, partida económica que será cofinanciada a partes iguais polo Sergas e o Concello. O centro de Saúde de Palas de Rei require na actualidade dunha serie de actuacións para o acondicionamento e mellora das súas instalacións que se foron deteriorando co paso do tempo.
 
As obras previstas consisten na instalación dun grupo electróxeno como sistema de emerxencia por falta de subministración eléctrica da rede da compañía distribuidora; a corrección de humidades por pontes térmicos de forxados sanitarios; e a adecuación de espazos na área de arquivo PAC para localización do persoal técnico da ambulancia do 061. Tamén contempla a adecuación de espazos na área de estar e descanso do persoal do PAC ; a substitución de tubaxes de calefacción  e auga quente sanitaria;  e a pintura e revestimento en parámetros verticais e horizontais en zonas afectadas pola entrada de auga e condensacións.
 
Renovación de infraestruturas de atención primaria
A sinatura deste convenio significa dar un paso máis na renovación das infraestruturas da atención primaria que hai na nosa comunidade. Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 86 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre 70.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as sete obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 113 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.
 
En particular, na provincia de Lugo,  a Xunta de Galicia puxo en marcha desde 2009 novos centros de saúde en Carballedo, Sarria e Monterroso e está a piques de rematar o do Saviñao. Ademais, está xa en obras o novo Centro Integral de Saúde da cidade de Lugo e vén de licitarse o proxecto arquitectónico para o novo centro de saúde de Antas de Ulla. En canto á reforma de centros de saúde de titularidade municipal, ademais do de Palas de Rei, acometéronse actuacións en colaboración cos concellos nos centros de Outeiro de Rei, Pantón, Xermade e Portomarín e está en trámite outro convenio para reformar o de Friol.
 
Esta lexislatura comezou co compromiso da Xunta de completar unha renovación integral do Sergas. En consecuencia, os Orzamentos para 2021, os primeiros desta lexislatura, contemplan un incremento do 108% no capítulo de investimentos para atención primaria, pasando de 26 millóns en 2020 a 55 millóns de euros neste ano 2021.
 
Engadido ao anterior, a Xunta ten intención de continuar esa renovación integral da atención primaria con dúas iniciativas. Por un lado, un Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, no que definiranse as actuacións prioritarias para o Sergas, e, por outro, unha reforma organizativa deste nivel asistencial, que aposte por un modelo máis resolutivo e máis multidisciplinar, para o que Sanidade está a traballar no Consello Técnico de Atención Primaria con todos os colectivos, e para o que se creou  unha Dirección Xeral de Reforma Sanitaria que pilote o proceso.
 
Para todo isto, é fundamental actuar tamén nos centros de saúde que aínda seguen a ser de titularidade municipal. Existe un Pacto Local para ir asumindo progresivamente desde a Xunta estes centros. Desde 2009, xa se asumiron máis de 90 e, aínda que o proceso é lento, hai que destacar que, desde 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo de Cooperación Local, inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde do grupo 1, que son aqueles coma este, cuxo edificio está dedicado integramente a fins sanitarios.
 
Así, nos orzamentos da Xunta de 2021 prevese a reserva de 2,23 millóns de euros do Fondo de Cooperación Local aos concellos de menos de cincuenta mil habitantes que teñen que asumir os gastos de funcionamento dos centros de saúde da súa titularidade.
 
Polo tanto, a Xunta colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros e colabora tamén cando, como neste caso, hai que facer reformas importantes.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss