GALICIA PASA A FORMAR PARTE DO PROXECTO EUROPEO NEW BAUHAUS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
10 07 2021

A Xunta de Galicia vén de firmar o convenio de colaboración para participar de xeito conxunto na iniciativa New European Bauhaus, coa que se crearán novos espazos sustentables na contorna dos centros sanitarios galegos, na procura de humanizar o seu servizo e conxugalo co lecer.

A sinatura, presidida polo vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde; contou tamén coa participación do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez; e o conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez.

Galicia pasa a formar parte dun proxecto interdisciplinar elaborado pola Comisión Europea, no que o Servizo Galego de Saúde actuará como socio oficial da New Bauhaus, sendo un dos 14 representantes españois que participarán na definición, acompañamento e deseño da Nova Europa.
 
A New Bauhaus representa un espazo de encontro que ten por obxecto deseñar novos xeitos de vivir, nos que mesturan a cultura, a arte, a ciencia, a inclusión social e a tecnoloxía, dando lugar a un futuro máis sostible, mediante o esforzo colectivo.
 
Coa súa incorporación a este proxecto comunitario, a Xunta de Galicia ratifica a súa aposta por formar parte dese diálogo entre persoas de diferentes culturas, disciplinas, xéneros e idades. Sobre este particular, o titular de Sanidade, salientou que participar neste proxecto “contribuirá á creación de novas experiencias e espazos sanitarios que humanizarán o seu servizo, ao tempo que se protexe a biodiversidade e se constrúe un futuro máis sostible”.
 
Pola súa parte, o vicepresidente económico, Francisco Conde, fixo énfase en que o deseño e a sustentabilidade son os dous elementos definitorios da proposta galega. Deste xeito, puxo en valor a importancia do deseño como instrumento para achegar solucións creativas á gran transformación verde que se está a vivir e explicou a aposta da candidatura galega polo deseño circular a través de produtos onde a madeira estará presente como elemento estrutural.
 
Para levar a cabo o deseño destas novas infraestruturas na contorna dos centros sanitarios galegos,  o Sergas contará coa colaboración de outros organismos, como son a Axencia Galega de Innovación (Gain); a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera); o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS); a Axencia de Coñecemento en Saúde de Galicia (ACIS), así como coas tres universidades galegas e outros centros de investigación especializados no eido ambiental e da sostibilidade.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss