O SERVIZO DE ANATOMÍA PATOLÓXICA DO CHUF É ACREDITADO COMO UNIDADE DOCENTE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
12 07 2021

O Servizo de Anatomía Patolóxica do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol foi acreditado como Unidade Docente, o que implica que, a partir do vindeiro ano, poderá acoller a médicos residentes en formación.  Con esta especialidade, son 21 as acreditadas para a formación de residentes na Área Sanitaria de Ferrol. O responsable do Servizo, Alberto Veiga Barreiro, destaca que "somos a alternativa en Galicia ós hospitais grandes”, xa que esta especialidade só está acreditada nos denominados Complexos de terceiro nivel, A Coruña, Santiago e Vigo, e que "temos capacidade, ganas e ilusión de formar a novos residentes”. Este especialista en Anatomía Patolóxica destaca que "a aposta do noso Servizo será ofrecer unha formación personalizada que poña en valor o aspecto humano sen descoidar o desempeño da capacitación técnica, os coñecementos e a investigación”.


Anatomía Patolóxica é un Servizo Central a disposición de toda a Área Sanitaria, tanto do Complexo Hospitalario Universitario como dos centros de saúde. Traballan nel un total de 22 profesionais entre Facultativos, Técnicos Superiores en Anatomía Patolóxica e Citodiagnóstico, supervisora de Enfermaría, Auxiliares administrativos e persoal auxiliar. Realizou o estudo dunhas 20.000 mostras de biopsias e dunhas 11.000 de citoloxía, durante o 2020. A súa labor céntrase fundamentalmente no diagnóstico de patoloxías, tanto tumorais como non tumorais, a partir do estudo de células e tecidos. 


 "Este Servizo desenvolve un papel fundamental no estudo de biomarcadores clave na  elección de terapias personalizadas para cada tipo de paciente”, explica o responsable. Así, continúa, "das nosas determinacións e dun axeitado diagnóstico depende administrar un tratamento axustado á evidencia científica. O noso papel é clave na elección de terapias dirixidas fronte as coñecidas como dianas terapéuticas”, afonda Alberto Veiga. "A nosa especialidade é unha gran descoñecida. Poucos pacientes saben que todos e todas os integrantes do Servizo somos, en distinta medida, responsables dunha inmensa maioría dos diagnósticos de cancro na nosa Área Sanitaria”, engade. "Temos o deber e a responsabilidade de facer cultura e de promover a nosa  especialidade no ámbito extra e intrahospitalario”, remata.


Cando se fai a solicitude para se establecer como Unidade Docente, hai que acreditar unha serie de valores a nivel estrutural, formativo e de recursos asistenciais. Neste senso, o Servizo e a Área Sanitaria conta cos recursos necesarios. Na actualidade, este servizo foi escollido por unha alumna do Grao de Medicina beneficiaria dunha das Becas Horacio Oliva, concedidas pola Sociedade Española de Anatomía Patolóxica (SEAP) para realizar prácticas no verán.

 
"Temos un laboratorio moderno e un espacio físico envexable”, indica o responsable do Servizo. Neste senso, lembrar que este Servizo trasladábase ó Hospital Naval a un lugar totalmente renovado en outubro de 2018, pasando dunha superficie de traballo de 250 metros cadrados a 850 metros cadrados útiles. Esta obra supuxo unha mellora considerable na distribución dos espazos e nas condicións laborais dos e das profesionais, con especial coidado dos aspectos relativos á seguridade no traballo. Á mellora do espazo de traballo sumouse a adquisición de novo equipamento e a renovación de parte do antigo. Neste senso, incorporáronse dúas mesas de tallado con sistema de aspiración autónoma, un segundo tinguidor, montador automatizado e un procesador de tecidos de última xeración capaz de acortar tempos e facilitar os fluxos de traballo. Na actualidade, o Servizo atópase en proceso de implementación dun sistema de xestión da calidade acorde a normas ISO.


Acreditación MIR, máis calidade


A acreditación MIR é a máxima titulación que existe no ámbito da formación especializada. O seu recoñecemento repercutirá de xeito significativo na calidade asistencial beneficiando ós usuarios e usuarias en tanto que esixe manter criterios de excelencia no labor asistencial, ademais dunha continua actualización na formación dos profesionais. Neste senso, facilitarase a conexión entre as novas xeracións incorporadas e os profesionais que desenvolven actualmente o seu traballo no Servizo consolidando unha relación proveitosa de xeito bidireccional.


Estas novas acreditacións estarán adscritas á Comisión de Docencia que conta con acreditación docente dende o ano 1978. As 20 especialidades xa acreditadas son: Medicina Familiar e Comunitaria, Traumatoloxía, Cirurxía, Medicina Interna, Pediatría, Psiquiatría, Xinecoloxía, Psicoloxía Clínica, Farmacia Hospitalaria, Análises Clínicas, Uroloxía, Radiodiagnóstico, Oftalmoloxía, Neuroloxía, Dixestivo, e Anestesia e Reanimación. Ademais, están tamén acreditadas a Enfermaría Obstétrico Xinecolóxica (matronas), a Enfermaría Familiar e Comunitaria, e a Enfermaría de Saúde Mental. Xunto con isto, son catro os centros de saúde habilitados para ofrecer formación, o Fontenla Maristany, Caranza e Serantes, en Ferrol; e de Narón.


 Saúdos de Comunicación da ÁREA SANITARIA DE FERROL do SERGAS.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss