O TRASLADO Ó NOVO CENTRO DE SAÚDE DE NARÓN PRODUCIRASE DURANTE A VINDEIRA FIN DE SEMANA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
13 07 2021

​O traslado ó novo centro de saúde que a Xunta de Galicia pon á disposición da poboación de Narón producirase esta fin de semana durante os catro días, do venres 16 de xullo ó luns 19 de xullo, ámbolos dous incluídos.     Aproveitarase estes días para interferir o menos posible na asistencia. O venres comezarase a mudanza cos aspectos que non son necesarios para asistencia nesa xornada, como, por exemplo, almacéns ou a sala de extraccións.

 
O sábado a mediodía, tralas consultas no antigo centro, comezarase co traslado das mesmas, que xa estarán listas para prestar asistencia o luns 19 no novo centro. O último chanzo será o traslado do Punto de Atención Continuada (PAC), que estará xa pola tarde do luns tamén operativo no novo centro. Deste xeito, a poboación adscrita a este centro da Área Sanitaria de Ferrol seguirá coa asistencia no antigo centro ata o sábado a mediodía; e a do Punto de Atención Continuada ata o domingo. E, o luns 19, xa se ofrecerá tanto a atención ordinaria de mañá como a de Urxencias do Punto de Atención Continuada pola tarde no novo edificio sanitario.

 
A Área Sanitaria de Ferrol quere agradecer o traballo e a colaboración dos e das profesionais neste traslado para poder pór a disposición dun centro novo ás máis de 35.000 persoas que se beneficiarán desta nova infraestrutura sanitaria; e pedir desculpas por adiantado polos posibles trastornos que os traslados levan sempre consigo.

 
Un centro novo

O centro de saúde de Narón, cun investimento de adxudicación vixente por parte da Xunta de Galicia de 5.535.985 euros, incluíndo a unidade de radioloxía, sitúase nunha parcela de 6.142 m2, cedida polo Concello ó Sergas. A nova infraestrutura sanitaria terá unha superficie construída de 4.312 metros cadrados, o que supón un incremento de preto de 1.800 metros cadrados respecto do centro actual, infraestrutura que será cedida ao Concello para usos sociais.

 
Xunto co considerable incremento de espazos, o Sergas modificaba tamén o proxecto para ampliar a carteira de servizos deste centro con Radioloxía simple, aumentando así o beneficio para a poboación do Servizo de Atención Primaria de Narón no eido do diagnóstico por imaxe. Esta prestación engadíase respondendo á solicitude dos e das profesionais, e actívase en base ós criterios técnicos que determina esta tipo de servizo nos centros de saúde, como o número de poboación ou a frecuentación.


Saúdos de Comunicación da ÁREA SANITARIA DE FERROL do SERGAS.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss