A XUNTA DE GALICIA COMPROBA O AUMENTO DE SERVIZOS NO RURAL ACADADO CO ÚLTIMO CONCURSO PÚBLICO DE OFICINAS DE FARMACIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
15 07 2021

 
 
O secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes, e o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor,  visitaron está mañá a oficina de farmacia de Portomouro,  adxudicataria do último concurso público de oficinas de farmacia, centrado nas áreas rurais e semiurbanas.
 
A Xunta de Galicia ratifica a súa aposta pola dotación de servizos no eido rural, pois a atención farmacéutica é considerada un piar fundamental na asistencia sanitaria da poboación. Así, a actualización periódica que realiza a Consellería de Sanidade sobre o mapa de farmacias galegas, permite reforzar a atención farmacéutica naquelas zonas que o precisan.
 
Deste xeito, a Consellería convocou un concurso público no ano 2018 que foi resolto en xuño do ano pasado autorizándose 41 novas oficinas de farmacia, das que o 76% corresponden ao ámbito rural ou semiurbano (20 no rural e 11 en área semiurbana).
 
Entre elas, na provincia da Coruña, a resolución deste concurso significou que o núcleo de Portomouro (Val do Dubra), ou o concello de Vilasantar, volvan contar cunha oficina de farmacia, tras anos sen este servizo.
 
Previamente a este concurso público, levouse a cabo a elaboración dun novo mapa farmacéutico, coa planificación da autorización de novas oficinas de farmacia e a delimitación territorial para o seu emprazamento. Este novo mapa resultaba absolutamente necesario, dado que as circunstancias a ter en conta para determinar ás necesidades de servizo reais da poboación (tales como padrón municipal, centros sanitarios públicos, e oficinas de farmacia existentes) tiñan mudado substancialmente desde a aprobación do antigo mapa farmacéutico, que databa de 2002.
 
Entre as novidades deste último concurso, cómpre subliñar a actualización do baremo aplicable para a valoración dos méritos, que daba un maior peso á experiencia profesional e a adxudicación das oficinas de farmacia nun acto único, o que axilizou dun xeito significativo o proceso ao realizar nun só día un procedemento que noutros concursos tiña levado meses.
 
As oficinas de farmacia son un elemento imprescindible pola súa integración nas poboacións e proximidade cos usuarios, especialmente no ámbito rural dadas as dificultades de accesibilidade inherentes a dispersión da poboación, estando nunha posición privilexiada para informar e aconsellar a poboación sobre os medicamentos e produtos sanitarios  e colaborando así na protección e promoción da súa saúde.
 
Deste xeito, é posible lograr unha continuidade entre a prescrición de medicamentos nos centros sanitarios, especialmente no ámbito da atención primaria, e a dispensación de medicamentos que se produce nas oficinas de farmacia. Ademais, acádase un acceso rápido, eficaz, equitativo e racional aos medicamentos e produtos sanitarios, o que constitúen un dereito da cidadanía, con independencia do seu lugar de residencia.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss