A ÁREA SANITARIA COMPOSTELÁ ACADA O SELO EUROPEO DE CALIDADE NOS ESTUDOS PET
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
16 07 2021

Santiago, 16 de xullo 2021.- O Servizo de Medicina Nuclear do CHUS, en estreita colaboración co servizo de radiofisica do centro, conseguiu a Acreditación de Excelencia por parte da European Association of Nuclear Medicine Research Ltd (EARL) unha verificación independente, por parte dunha organización de prestixio, da calidade dos estudos de PET realizados no hospital Clínico de Santiago.

 

 A certificación de acreditación de EARL “facilita o acceso a ensaios clínicos Fases I e II sen necesidade de probas de calidade, e constitúe unha 'chave importante' para participar nas convocatorias de investigación internacionais do actual programa Horizon Europe”, subliña Virginia Pubul, xefa do Servizo de Medicina Nuclear, especialmente as que esixen a colaboración simultánea de Centros de distintos países. Os así certificados teñen, ademais, a oportunidade de colaborar a través da iniciativa Research4 Life, cun número importante de Institucións e Entidades de gran nivel investigador como a European Organization for Research and Treatment of Cancer (EORTC) a IAEA (International Atomic Energy Agency), EIBIR ( European Institute for Biomedical Imaging Research) e outras moitas, entre as que figuran as principais industrias fabricantes de equipos de imaxe de alta tecnoloxía.
 
O programa EARL ten como obxectivo fundamental a harmonización na obtención de imaxes cuantitativas con equipos PET/ CT entre os centros participantes. Iso é de especial importancia para evitar rumbos na realización de estudos multicéntricos. A nivel práctico, o programa EARL supón:
• Unha auditoría independente de parámetros básicos de cuantificación e calidade de imaxe. • A definición de protocolos de adquisición específicos para ensaios multicéntricos, de xeito que os resultados obtidos entre distintos centros poidan ser comparados, intercambiados e combinados.
• Validación por un organismo externo do programa de control de calidade implementado. En Galicia, O Hospital Clínico é o único centro coa acreditación dos dous estándares do 18 F, e do 68 Galio. Respecto a acreditación de 68 Ga, unicamente a Clínica Universidade de Navarra dispón ata este momento da devandita acreditación en España.
 
No ano 2020 realizáronse en Medicina Nuclear 3.902 PET’s e o servizo é referencia en determinadas técnicas para toda Galicia.
 
Esta distinción destácanos como «Centro PET de Excelencia”. A Asociación Europea de Medicina Nuclear (EANM), ten un papel central na Comunidade Científica e constitúe hoxe a organización que ampara á Medicina Nuclear en Europa.
 
En 2006, a Sociedade Europea de Medicina Nuclear e Imaxe Molecular (EANM) lanzou EANM Research Ltd (EARL) como unha iniciativa para promover a investigación e a Medicina Nuclear multicéntrica.
 
Servizo de Medicina Nuclear
O servizo de Medicina Nuclear da Área Integrada de Santiago de Compostela e Barbanza realiza gran variedade de exploracións, como terapias isotópicas: que son terapias metabólicas que permiten un efecto terapéutico dirixido, personalizado, tanto no tratamento de tiroides como do carcinoma de próstata metastásico resistente á castración. A unidade de terapias isotópicas de Santiago é a única en Galicia en realizar terapia con lutecio en tumores neuroendocrinos. Outra das terapias novidosas e da que o servizo foi pioneiro en Galicia é o tratamento con Esfera de Ytrio para os tumores hepáticos.
 
No 2018 incorporou un novo PET-TAC de ultima xeración que aporta importantes melloras diagnósticas e que tivo un custe de preto de 2 millóns de euros.
 
O novo tomógrafo por emisión de positróns de última xeración, o PET-TAC Vereos, supuxo unha radical mellora sobre o anterior, que tamén fora pioneiro no seu tempo, no ano 2003.
 
Este equipo PET permite obter imaxes de alta resolución espacial e gran sensibilidade, grazas a que dispón de novos detectores dixitais e á tecnoloxía de tempo de voo. Así mesmo, o equipo ten incorporado un tomógrafo axial computarizado (TAC) con calidade de diagnóstico, simplificando o rexistro anatómico das imaxes PET e abrindo a porta a novos tipos de exploracións con respecto ao anterior sistema.
 
Ademais, o sistema PET Vereos engade algoritmos de reconstrución de imaxes máis avanzados. En particular, funciona en modo 3D para todo tipo de exploracións e incorpora técnicas de restauración de resolución espacial. Trátase dunha tecnoloxía, de introdución moi recente moi superior a todas as existentes, que incidíu positiva e directamente no diagnóstico e seguimento de pacientes afectos de diferentes patoloxías, como as oncolóxicas, permitindo reducir notablemente o tempo por cada exploración.
Saúdos do Gabinete de Comunicación e Imaxe

 

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss