SANIDADE REGULA A ACREDITACIÓN DO PERSOAL DE ENFERMERÍA PARA A INDICACIÓN, USO E AUTORIZACIÓN DA DISPENSACIÓN DE MEDICAMENTOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 07 2021

 
A Consellería de Sanidade vén de publicar esta semana, no Diario Oficial de Galicia, a Orde pola que se regula e inicia o procedemento para a acreditación que permitirá que o persoal de enfermería poida levar a cabo a indicación, uso e autorización da dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano.
 
Con esta Orde, o departamento sanitario galego pretende conseguir a seguridade e o beneficio das persoas usuarias do Sergas mediante o exercicio da práctica profesional do persoal de enfermería, tanto no ámbito dos coidados xerais como dos especializados, que implica necesariamente a utilización de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano suxeitos ou non a prescrición médica.
 
Esta Orde será aplicable ao profesional de enfermería responsable tanto dos coidados xerais como especializados que exerza a súa actividade profesional, ou teñan a súa residencia habitual no ámbito da nosa Comunidade, con independencia do caracter público ou privado dos centros, servizos e establecementoa sanitarios nos que preste os seus servizos.
 
Os requisitos para obter a acreditación son, ademais de posuír a titulación correspondente, ter unha experiencia profesional mínima dun ano ou superar o curso de adaptación ofrecido pola Administración sanitaria de forma gratuita. A emisión da acreditación será realizada integramente por medios electrónicos.
 
O desenvolvemento desta Orde do 9 de xullo de 2021, pódese consultar no DOG Núm. 134 do xoves 15 de xullo do 2021, e entrará en vigor aos 20 días da súa publicación.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss