O SERVIZO DE MICROBIOLOXÍA DO CHUF TAMÉN É ACREDITADO COMO UNIDADE DOCENTE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 07 2021
​O Servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol vén de ser tamén acreditado para a docencia, o que implicará que a partir do ano que vén, os residentes poderán obter igualmente por este centro en Galicia. Como xa se adiantaba para Anatomía Patolóxica estes días, a acreditación implica responder a un estándares determinados, e hai que lembrar que, a maiores, este Servizo está certificado pola Norma ISO en calidade dende o ano 2012.
 
Esta especialidade foi clave durante este ano pandémico; e como indica o seu responsable, o microbiólogo Andrés Agulla Budiño, “os servizos centrais son fundamentais e son o que precisan os clínicos para facer os diagnósticos e controlar os tratamentos”. Subliña que “ter xente nova con nós é un estímulo que nos obriga a estar a vangarda”; e engade: “esta acreditación contribúe tamén a se relacionar aínda máis con outros centros”. Agora, este Servizo de Microbioloxía ten unha atención continuada e sempre “traballa tanto na versión clínica como na epidemiolóxica”, explica Andrés Agulla. Ademais, destaca tamén como implicación na docencia que o acceso á especialidade é dende diferentes eidos, médico, farmacéutico ou biolóxico, entre outros.
 
Un servizo central clave nestes meses pandémicos
Microbioloxía é un servizo central do Complexo Hospitalario Universitario que se dedica fundamentalmente ó seguimento e tratamento de mostras para o diagnóstico de enfermidades infecciosas, a través do cultivo de bacterias en, entre outros, ouriños, feces, sangue ou feridas. Ocúpase tamén do control das resistencias aos antibióticos; dos estudos virolóxicos como probas relativas á Infección por VIH, a hepatite, o papiloma virus ou a nova gripe; ten un espazo específico para análise da tuberculose; e encárgase, en colaboración con outros servizos, do control da infección nosocomial -a producida dentro do propio hospital- mantendo a seguridade ambiental de quirófanos, UCI, e realizando a supervisión da correcta esterilización dos diversos materias clínicos.
 
Este laboratorio está emprazado no Hospital Arquitecto Marcide, pero recibe as mostras tanto dos centros de saúde da área como do Hospital, xestionando anualmente ao redor de 200.000 estudos. Destes, ao redor de 90.000 proceden do propio centro hospitalario (consultas externas e pacientes ingresados) e as restantes son mostras tomadas nos centros de saúde da área, e que se analizan e xestionan no Arquitecto Marcide. A área conta cun circuíto establecido e protocolizado na mobilidade e traslado destas mostras.
 
Neste laboratorio desenvolven a súa actividade laboral de xeito específico unha trintena de profesionais  entre facultativos, técnicos de laboratorio, profesionais de Enfermaría, e  auxiliares administrativas; e comparte algún dos profesionais, como os celadores, co laboratorio central.
 
O laboratorio de Microbioloxía ampliouse xa nas primeiras semanas da pandemia para acoller un espazo dedicado exclusivamente á Bioloxía Molecular, departamento deste laboratorio que é o que se está a encargar da xestión de probas relacionadas co coronavirus Covid-19. Neste departamento de Bioloxía Molecular xa se facían de xeito ordinario outro tipo de probas para patoloxías como Hepatite C, VIH ou o Virus do Papiloma Humano, por exemplo, pero, neste contexto de infección por coronavirus, a actividade creceu, e, deste xeito, pódese traballar con maior folgura. Reflectir ese crecemento con cifras: só no eido da Bioloxía molecular pasou de 6.209 probas anuais, no 2019; ás 76.110 probas durante ó longo do ano 2020.
 
Habilitouse un espazo con mesados, compráronse equipos de centrifugado, frigorífico, baño termostático e axitador. Incorporáronse cabinas de fluxo laminar que se suman ás que xa había no laboratorio. Para este novo espazo, trasladáronse os equipos extractores e incorporáronse as cabinas de fluxo laminar, elementos, entre outros moitos, necesarios para realizar as PCR, que son as probas que están a determinar se o test realizado resulta positivo ou negativo, detectando pequenas cantidades de RNA do virus. Son probas moi complexas, que requiren de persoal moi especializado para a súa execución. Independizábase ese departamento en paralelo á área de Laboratorio de Microbioloxía actual
 
Recordar tamén que nesta Fase I do Plan Director estase a facer o laboratorio provisional de Microbioloxía no Hospital Naval, para precisamente trasladar este Servizo mentres non se constrúa o novo definitivo. Con todo, o contexto excepcional provocou que se acondicionaran igualmente estes espazos para que as persoas implicadas nesta tarefa poidan traballar máis comodamente, mentres se dá ese paso, previsto para despois do verán. Outro dos cambios que levou en paralelo é a ampliación de horario e persoal, pasou de traballar de luns a sábado polo mañá, a facelo de luns a domingo, e de xeito continuado. Incorporáronse tres técnicos de laboratorio novos, algúns dos técnicos especializouse neste ámbito, e reforzouse o horario dos microbiólogos.
 
Acreditación MIR, máis calidade
Lembrar novamente que a acreditación MIR é a máxima titulación que existe no ámbito da formación especializada. O seu recoñecemento repercutirá de xeito significativo na calidade asistencial beneficiando ós usuarios e usuarias en tanto que esixe manter criterios de excelencia no labor asistencial, ademais dunha continua actualización na formación dos profesionais. Neste senso, facilitarase a conexión entre as novas xeracións incorporadas e os profesionais que desenvolven actualmente o seu traballo no Servizo consolidando unha relación proveitosa de xeito bidireccional.
 
Esta nova acreditación, a número 22, estará adscrita á Comisión de Docencia que conta con acreditación docente dende o ano 1978. As 21 especialidades xa acreditadas xunto con esta de Microbioloxía son: Medicina Familiar e Comunitaria, Traumatoloxía, Cirurxía, Medicina Interna, Pediatría, Psiquiatría, Xinecoloxía, Psicoloxía Clínica, Farmacia Hospitalaria, Análises Clínicas, Uroloxía, Radiodiagnóstico, Oftalmoloxía, Neuroloxía, Dixestivo, Dermatoloxía, Anestesia e Reanimación, e a recentemente acreditada tamén Anatomía Patolóxica. Ademais, están tamén acreditadas a Enfermaría Obstétrico Xinecolóxica (matronas), a Enfermaría Familiar e Comunitaria, e a Enfermaría de Saúde Mental. Xunto con isto, son catro os centros de saúde habilitados para ofrecer formación, o Fontenla Maristany, Caranza e Serantes, en Ferrol; e de Narón.
 

Saúdos de Comunicación da ÁREA SANITARIA DE FERROL do SERGAS.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss