A UNIDADE DE ENFERMIDADE INFLAMATORIA INTESTINAL DE DIXESTIVO DO CHUF RECERTIFÍCASE NOVAMENTE CON EXCELENCIA A NIVEL NACIONAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
18 07 2021

​A Unidade de Enfermidade inflamatoria intestinal de Dixestivo do Complexo Hospitalario de Ferrol volve amosar a súa alta consideración no eido da calidade, e consegue novamente a certificación, no grao de excelencia, a nivel nacional, tralo seu proceso de control para a recertificación este mes. Recibe a certificación de calidade por parte do Grupo Español de Traballo en Enfermidade de Crohn e Colite Ulcerosa (GETECCU), no marco do seu programa de Certificación de Unidades de Atención Integral de Enfermidade Inflamatoria Intestinal. Lembrar que esta Unidade de Dixestivo do CHUF era a primeira unidade galega certificada a nivel nacional, e co maior grao de excelencia, e agora a primeira en se recertificar novamente mantendo ese nivel de excelencia.

 
Para a consecución desta certificación, Buerau Veritas realiza unha auditoría na que se fai unha baremación de máis de 50 indicadores de estrutura, procesos e resultados. “Revísase o cumprimento de diferentes cuestións e indicadores en relación co funcionamento da Unidade e os seus resultados respecto a unha norma de referencia, como por exemplo, que haxa un equipo consolidado de atención integral (especialistas médicos, enfermaría, radioloxía, cirurxía, etc...) con interacción demostrada e áxil; protocolos establecidos de atención e seguimento; e verificación de resultados, tanto de técnicas como de cirurxías”, explica Ana Echarri Piúdo, a responsable da Unidade. “Non é doado ter unha certificación deste tipo, e manter eses indicadores, e a nivel de excelencia, é un plus”, engade esta profesional.

 
Unidade multidisciplinar e achegada ó paciente
Precisamente un dos aspectos destacados para recibir esta certificación é o carácter interdisciplinar da Unidade, que conta cun Comité dende o ano 2013, onde se consensúan os distintos casos. Como indican nas conclusións da recertificación, os puntos fortes son que “é unha unidade completa e innovadora que está constantemente desenvolvendo novos proxectos que poidan cubrir as necesidades dos pacientes, con emprego das novas tecnoloxías e alto enfoque de mellora continua; implicación dos profesionais e visión cara á excelencia con circuítos claramente identificados e operativos; e que conta cun comité interdisciplinar que inclúe a presenza de radioloxía, cirurxía e anatomía patolóxica”.

 
Algúns dos aspectos que se valoran, por exemplo, é que conte con enfermaría propia; a relación con distintos departamentos doutras especialidades, como Dermatoloxía, Reumatoloxía, Urxencias ou os centros de saúde; que desenvolva actividades investigadora e formativa propias; e a accesibilidade. Como xa se dixo en moitas ocasións ó facer referencia a esta Unidade, os pacientes contan con ferramentas de atención directa no ámbito externo á propia consulta.

 
Unidade de Enfermidade Inflamatoria Intestinal

A Enfermidade Inflamatoria Intestinal é unha enfermidade de etioloxía autoinmune do aparato dixestivo, que integra principalmente a enfermidade de Crohn e a Colite Ulcerosa. Pode afectar a calquera parte do tracto dixestivo con un amplo potencial de complicacións ó longo do seu curso. Esta patoloxía pode afectar a persoas dende moi novas, e as converte en enfermos crónicos que teñen que acudir en diversas ocasións ós centros sanitarios. E, ademais, pode ter manifestacións extraintestinais, como problemas de pel ou articulares, entre outras moitas, o que implica unha necesaria interrelación con outras especialidade médicas e cirúrxicas.

 
A base da Unidade foi a creación, no ano 2000, dunha primeira consulta monográfica de atención especializada na que se foron integrando tódolos pacientes con esta enfermidade da área. Actualmente, contrólanse uns 1.400 pacientes. Os profesionais da consulta, médicos e enfermeiras, fóronse especializando, integrouse a endoscopia, e se foi instaurando a consulta telefónica, constituíndose, no ano 2007, a Unidade de Atención Integral. No ano 2009, comezan a colaborar distintas especialidades, inicialmente con Radioloxía, o que permitiu incorporar probas de grande valor para o manexo destes pacientes. Posteriormente, comezaron a colaborar especialistas de cirurxía, pediatría e anatomía patolóxica. No ano 2013, fórmase o Comité con reunións periódicas dos distintos profesionais para a decisión consensuada da mellor estratexia médico cirúrxica, con certificación recente para o tratamento con células nai das fístulas na enfermidade de Crohn.

 
A actual Unidade Multidisciplinar abrangue de xeito integral todo o proceso relacionado con esta enfermidade, dende o diagnóstico ó tratamento e seguimento da enfermidade. Ofrece unha atención individualizada, especializada e accesible, completando a atención sanitaria tradicional cun sistema diferenciado de xestión e atención telemática con participación do paciente. Neste senso, destaca o desenvolvemento na Unidade da aplicación web educainflamatoria.com, actualmente constituída como a web educativa para pacientes de referencia nacional.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss