UN TOTAL DE 32 PROFESIONAIS INICIAN A SÚA FORMACIÓN RESIDENTE NA ÁREA SANITARIA DE FERROL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
20 07 2021

​Os e as profesionais da Área Sanitaria de Ferrol deron a benvida esta mañá, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, ós 32 novos profesionais que inician a súa formación residente tanto no Complexo Universitario como nos distintos centros de saúde da Área ferrolá. Do total dos 32 novos profesionais que escolleron esta área para a súa formación, 9 formaranse en Medicina Familiar e Comunitaria, 1 en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, 1 en Medicina Interna, 1 en Obstetricia e Xinecoloxía, 1 en Pediatría, 1 en Psiquiatría, 1 en Psicoloxía Clínica, 1 en Radiodiagnóstico, 1 en Uroloxía, 1 en Oftalmoloxía, 1 en Cirurxía Xeral, 1 en Dermatoloxía, 1 en Anestesia, 1 en Análises clínicas, e 1 en Neuroloxía.

Ademais, comezan a se formar igualmente 2 residentes de Enfermaría Obstétrico-xinecolóxica (matrona); 6 residentes de Enfermaría Familiar e Comunitaria, e 1 de Enfermaría de Saúde Mental. Con respecto a isto, lembrar un ano máis que Ferrol, xunto con Coruña, foi das primeiras Áreas de Galicia en acreditar a formación da especialidade de Enfermaría Familiar e Comunitaria. Na Área Sanitaria ferrolá, polo tanto, hai actualmente 22 especialidades acreditadas para a formación de residentes ó engadir a acreditación de Anatomía Patolóxica e de Microbioloxía que se realizaba estes días.

 

Estaranse a formar, coas novas incorporacións, neste novo período 2021-2022, un total de 95 profesionais nos distintos ámbitos, coordinados e supervisados por 41 titores e os correspondentes colaboradores docentes. No acto desta mañá, estiveron o xerente, Ángel Facio Villanueva; a directora de Procesos de Soporte, Amparo Fondevila López; o presidente da Comisión de Docencia no ámbito hospitalario, Ramón López de los Reyes; e a presidenta da Comisión de Docencia da Atención Familiar e Comunitaria, Portal González Lorenzo.

 
O xerente da Área, Ángel Facio, destacou nesta benvida o agradecemento por “escoller Ferrol nun ano absolutamente importante” e por “estar ó lado dos que axudan á poboación”. E engadiu que “non podo deixar de aproveitar este momento para agradecer o traballo das e dos profesionais sanitarios e non sanitarios”. Non esqueceu tampouco “unha mención moi especial para os titores, que, ademais do seu día a día, comparten o seu coñecemento”.

 
A directora de Procesos, Amparo Fondevila, recordoulles que comeza “un escenario de aprendizaxe e perfeccionamento no que confrontaredes os coñecementos teóricos coa realidade e a medicina baseada na evidencia cotiá”. O presidente da Comisión de Docencia no ámbito hospitalario, Ramón López, destacou que “non hai máis orgullo que nos escollades”. Por último, Portal González Lorenzo, afirmou que “é un día de moita ilusión, e que medramos en residentes no ámbito da Primaria a pesar da adversidade”, e recordou que “a Primaria é a base so sistema sanitario”. Neste senso, destacar que os residentes en Medicina Familiar e Comunitaria pasaron de 6 a 9; e os de Enfermaría Familiar e Comunitaria de 4 a 6, na Área Sanitaria de Ferrol.
 

A través dun código QR, adiantábanlles esta mañá moita da información clave necesaria, na que se inclúen diversas normativas, itinerarios formativos, protocolos e recomendacións, que non se diferencian das que teñen que seguir o resto de profesionais da Área.

 
Coñecementos que se adquiren
En termos xerais, no caso dos Médicos Internos Residentes da especialidade en Medicina Familiar e Comunitaria, para completar a súa formación, estes 9 novos médicos residentes comezarán traballando os primeiros meses nun centro de saúde da Área, e posteriormente rotarán nos centros hospitalarios. Pola súa banda, as e os profesionais residentes do resto de especialidades realizarán a partir de hoxe as rotacións e gardas correspondentes nos hospitais do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol e nos Puntos de Atención Continuada.

 
De xeito global, a supervisión do traballo destes novos 32 residentes corre a cargo dun total de 41 titores que serán a referencia dos residentes durante a súa formación. Ó final de cada rotación, os residentes son avaliados polo seu titor, cualificándoos en base ós seus coñecementos e actitudes. Estes resultados, xunto cos méritos adicionais, como sesións clínicas ou investigacións que cada residente ten, establecen a súa avaliación final.

 
Pola súa banda, os contidos do programa formativo para as e os enfermeiros adecúanse ás necesidades actuais e futuras da atención no ámbito sanitario familiar e comunitario; e facilita os coñecementos necesarios cun amplo programa para adquirir experiencia rotando tanto no centro de saúde, como no hospital en distintas áreas, en Hospital de Día, nas urxencias e incluso na área de benestar social do Concello para familiarizarse coas estruturas sociosanitarias existentes. O primeiro ano de formación destes enfermeiros especialistas é máis técnico, e o segundo ano, é un traballo máis orientado cara ó paciente e ó seu entorno. Ademais esta unidade potencia a formación dos residentes no eido do traballo comunitario, buscando sempre a promoción da saúde, e a participación da comunidade adscrita a cada zona básica de saúde.


Saúdos de Comunicación da ÁREA SANITARIA DE FERROL do SERGAS.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss