A XUNTA E O CONCELLO DE BEARIZ ASINAN UN CONVENIO DE COLABORACIÓN PARA A REFORMA DO CENTRO DE SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
24 07 2021
 
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Beariz, Manuel Prado López, asinaron onte un acordo bilateral no que se establecen as bases para o financiamento das obras de reforma do centro de saúde da localidade. No acto, estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén Castro, e polo xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial Bernárdez.
 
O investimento deste proxecto de mellora ascende a 122.967 euros, partida económica que será cofinanciada a partes iguais polo Sergas e o concello. O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde e, tamén, o papel de interlocución que fixo o delegado territorial da Xunta para poder asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo. Deste xeito, o persoal e os pacientes do centro de saúde de Beariz contarán a partir do ano que vén cun centro de saúde mellor e máis confortable.
 
As obras, logo do informe dos técnicos do Sergas que visitaron o centro, consistirán na mellora da accesibilidade do centro, que na actualidade non conta cun acceso adaptado. Para iso, a proposta do Concello, optouse por un proxecto que prevé pasar a área asistencial a andar semisoto, ao que se accede directamente dende a rúa por unha porta situada na fachada lateral dereita do edificio, e deixar no andar baixo unicamente a sala de xuntas, o almacén e unha sala covid próxima ó acceso pola entrada actual.

 

Esta actuación suporá a remodelación de toda o andar, creando aseos adaptados, realizando a apertura dos ocos das ventás, o cal provoca unha modificación das fachadas do edificio e a renovación de toda a carpintería. Ademais, aproveitarase a actuación para realizar unha limpeza de toda a cuberta, reparando as tellas que se atopen deterioradas e especialmente os encontros cos lucernarios.

 

Renovación de infraestruturas de atención primaria
A sinatura deste convenio significa dar un paso máis na renovación das infraestruturas da atención primaria que hai na nosa comunidade. Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 87 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre 74.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as sete obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 115 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.
 
En particular, na provincia de Ourense, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde en Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Ourense (O Couto), Barbadás (A Valenzá) ou Pontedeva, e importantes reformas en Carballeda de Avia, Gomesende, Leiro, Carballeda de Valdeorras ou Cenlle. Nesta lexislatura, acábanse de poñer en marcha os centros de saúde de Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz, e de asinar o convenio para iniciar a construción dun novo centro de saúde en A Rúa. E están xa adxudicadas as obras de reforma do centro de saúde de Arnoia e Ribadavia.
 
Esta lexislatura comezou co compromiso da Xunta de completar unha renovación integral do Sergas. En consecuencia, os Orzamentos para 2021, os primeiros desta lexislatura, contemplan un incremento do 108% no capítulo de investimentos para atención primaria, pasando de 26 millóns en 2020 a 55 millóns de euros neste ano 2021.
 
Engadido a todo o anterior, a Xunta ten intención de continuar esa renovación integral da Atención Primaria con dúas iniciativas. Por un lado, un Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, no que definiranse as actuacións prioritarias para o Sergas, e, por outro, unha reforma organizativa deste nivel asistencial, que aposte por un modelo máis resolutivo e máis multidisciplinar, para o que Sanidade está a traballar no Consello Técnico de Atención Primaria con todos os colectivos, e para o que creouse  unha Dirección Xeral de Reforma Sanitaria que pilote o proceso.
 
Para todo isto é fundamental actuar tamén nos centros de saúde que aínda seguen a ser de titularidade municipal. Existe un Pacto Local para ir asumindo progresivamente desde a Xunta estes centros. Desde 2009, xa se asumiron máis de 90 e, aínda que o proceso é lento, hai que destacar que, desde 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local, inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde do grupo 1, que son aqueles coma este cuxo edificio está dedicado integramente ao fin sanitario.
 
Así, nos orzamentos da Xunta de 2021 prevese a reserva de 2,23 millóns de euros do Fondo de Cooperación Local aos concellos de menos de cincuenta mil habitantes que teñen que asumir os gastos de funcionamento dos centros de saúde da súa titularidade.
 
Polo tanto, a Xunta colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros e colabora tamén cando, como neste caso, hai que facer reformas importantes. No caso da provincia de Ourense, este ano téñense asinados xa convenios para reformar os centros de saúde de titularidade municipal de O Bolo, Rairiz de Veiga e Amoeiro, e están en trámite os de Castro Caldelas, Vilardevós ou Lobios, entre outros.
 

 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss