A POSTA EN MARCHA DO PLAN DE RECUPERACIÓN DA ACTIVIDADE ASISTENCIAL PERMITE REDUCIR OS TEMPOS MEDIOS DE ESPERA NA SANIDADE PÚBLICA GALEGA RESPECTO AO PASADO ANO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
27 07 2021

 

O xerente do Sergas, José Flores Arias, e o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal Viñas, informaron hoxe, en rolda de prensa, dos datos de tempos medios de espera da sanidade pública galega no primeiro semestre do ano. Os responsables do Sergas lembraron que, no mes de abril, a Xunta de Galicia puxo en marcha un Plan de Recuperación da Actividade Asistencial, dotado con 15 millóns de euros, para levar a cabo 230.000 actos asistenciais extraordinarios, entre probas diagnósticas, consultas especializadas e intervencións cirúrxicas.
 
O impacto deste plan, destacaron, permitiu reducir os tempos medios de espera na sanidade pública galega respecto ao pasado ano en preto de 40 días para probas diagnósticas, en máis de 30 para intervencións cirúrxicas e en 23 para primeiras consultas.
 
Así, o tempo medio de espera para ser operado no Servizo Galego de Saúde vén de reducirse, no primeiro semestre do ano, en 30,6 días, ao pasar dos 100,8 días de xuño do pasado ano, aos 70,2 días de xuño do actual. Esta redución da espera media para seren operado sucede en todas as áreas sanitarias.
 
Os responsables do Sergas expresaron a súa confianza en que o desenvolvemento do Plan de Recuperación da Actividade Asistencial permita retornar o próximo ano aos niveis récord de 2019 (cunha espera media de 56,4 días), pero remarcaron, tamén, que esta espera media de xuño de 2021, malia estar en plena pandemia, é aínda menor que a que existía en xuño do ano 2008.
 
No que atinxe ás prioridades, a lista de espera de pacientes en prioridade 1, descende en preto de 2 días (1,9), ao chegar aos 14,4 días en xuño deste ano fronte aos 16,3 de xuño de 2020, e por baixo dos 14,9 días acadados en xuño de 2018, que constituíran o mínimo histórico. A prioridade 2, redúcese en preto de 20 días (19,3), ao pasar de 87,5 días de xuño de 2020 a 68,2 en xuño actual. Por último, os pacientes en prioridade 3 tamén redúcen o tempo medio de espera en máis de 35 días, ao pasar de 109,5 días a 74,2 (35,3).
 
Se desglosamos a espera por servizos cirúrxicos, no 40% deles (entre os que se atopan cirurxía cardíaca infantil, cirurxía vascular, xinecoloxía ou oftalmoloxía) a espera media é menor de 60 días.
 
No que atinxe ás primeiras consultas, o tempo medio de espera estrutural de primeiras consultas de enfermidade descendeu en 23,7 días en xuño deste ano respecto do mesmo período do anterior, ao pasar de 66,3 de xuño de 2020 a 42,6 do actual. Este descenso prodúcese, ao igual que na espera para seren operado, en todas as áreas sanitarias.
 
No que se refire ás sete vías rápidas implantadas, o tempo medio de espera é de 4,4 días, o que supón unha redución de 1,5 días respecto do mesmo período do ano anterior, no que se agardaba 5,9 días e sitúase por baixo dos 4,6 días acadados en xuño de 2017, a menor espera do rexistro histórico para este tipo de procedementos. As vías rápidas permiten cumprir o compromiso de atender a pacientes con sospeita de patoloxía grave nun tempo inferior a 15 días dende a derivación do médico de cabeceira ao especialista. Actualmente, este procedemento está implantado en todos os hospitais do Sergas para cancro de mama, colon, pulmón, próstata, vexiga, cancro otorrinolaringoloxico (cabeza e colo) e melanoma. En concreto, os tempos de espera van dende os 5,3 días da de colon á 4,9 da de vexiga.
 
No tocante ás listas de espera de primeiras probas diagnósticas e/ou terapéuticas, a redución tamén é importante, posto que descende en preto de 40 días (39,8), ao pasar dos 112,3 días de xuño do pasado ano, aos 72,5 do actual. Este descenso prodúcese, ao igual que na espera para seren operado e na espera para unha primeira consulta, en todas as áreas sanitarias. En concreto, por probas, radioloxía ten un descenso na espera de 41,1 días; medicina nuclear de 46,6; as endoscopias de 31,3 días; e a electrofisioloxía de 19,1 días.
 
Decreto de garantías
O Sergas destaca, tamén, que 22.708 persoas se beneficiaron, no primeiro semestre do ano, da garantía establecida coa entrada en vigor do decreto de tempos máximos para 108 tipos de patoloxías, 26 probas diagnósticas ou terapéuticas e sete vías rápidas, e un total de 151.175 persoas dende a entrada en vigor do decreto, en xaneiro de 2018. Todos os casos obtiveron resposta dentro da rede pública do Sergas, e ningún tivo que ser derivado aos centros concertados.
 
Estes resultados indican o gran esforzo que se realizou neste período, tendo en conta o contexto epidemiolóxico no que estamos inmersos, cumprindo co compromiso de atender aos pacientes que estaban esperando por unha cirurxía considerada de prioridade 1, así como os que tiveron diagnósticos incluídos no Decreto de garantías de tempos máximos de atención, que son, na súa gran maioría, pacientes oncolóxicos, e mesmo nas consultas e probas diagnósticas de vías rápidas de cancro.
 
Os responsables do Sergas agradeceron, unha vez máis, o esforzo, a dedicación e a implicación de todas e todos os profesionais das distintas especialidades e as diversas categorías, imprescindibles para dar máis e mellor atención asistencial aos pacientes.

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss