MEDICINA INTENSIVA DO CHUF TAMÉN SE ACREDITA PARA A DOCENCIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
28 07 2021

​A especialidade de Medicina Intensiva do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol tamén se acredita para a docencia, o que implica que no vindeiro ano poderá recibir residentes. Esta é a terceira acreditación para a docencia de especialidades do CHUF nun só ano, situación que non se producía na Área dende os primeiros anos das acreditacións. Medicina Intensiva súmase ás recentemente acreditadas Anatomía Patolóxica e Microbioloxía, sumando así un total de 23 especialidades acreditadas.

 
A acreditación implica responder a un estándares determinados, que este departamento cumpre, no que se refire a recursos formativos e equipamentos, por exemplo. Este Servizo ten un cadro de persoal implicado na docencia que xa colabora dende hai anos en formación de grao e posgrao coa formación noutras especialidades xa acreditadas neste centro hospitalario. E, no tocante ós equipamentos conta en tódalas camas con monitorización continua, invasiva e non invasiva, e ventilación mecánica invasiva e non invasiva.

 
Como indica a responsable desta especialidade na Área Sanitaria, Isabel Diéguez Álvarez, “agradecer a tódalas persoas que fan posible esta acreditación”, e continúa, “é todo un reto e estamos moi ilusionados”. Para rematar engade, “a Covid puxo de manifesto a necesidade de especialistas neste ámbito, e tamén de mellores espazos que esperemos traia consigo o Plan Director”.

 
Un total de 9 especialistas en Medicina Intensiva traballan actualmente nos recursos de medicina Intensiva da Área Sanitaria de Ferrol, ós que se unen nesta tarefa 21 profesionais de Enfermaría, 19 Técnicos de Coidados Auxiliares de Enfermaría, 1 celador e 1 secretaria. Neste ámbito, producíanse uns 886 ingresos no pasado ano 2020, cunha estadía media de 5 días.

 
Acreditación MIR, máis calidade

Lembrar novamente que a acreditación MIR é a máxima titulación que existe no ámbito da formación especializada. O seu recoñecemento repercutirá de xeito significativo na calidade asistencial beneficiando ós usuarios e usuarias en tanto que esixe seguir mantendo criterios de excelencia no labor asistencial, ademais dunha continua actualización na formación dos profesionais. Neste senso, facilitarase a conexión entre as novas xeracións incorporadas e os profesionais que desenvolven actualmente o seu traballo no Servizo consolidando unha relación proveitosa de xeito bidireccional.
 
Esta nova acreditación, a número 23, estará adscrita á Comisión de Docencia que conta con acreditación docente dende o ano 1978. As 22 especialidades xa acreditadas xunto con esta de Medicina Intensiva son: Medicina Familiar e Comunitaria, Traumatoloxía, Cirurxía, Medicina Interna, Pediatría, Psiquiatría, Xinecoloxía, Psicoloxía Clínica, Farmacia Hospitalaria, Análises Clínicas, Uroloxía, Radiodiagnóstico, Oftalmoloxía, Neuroloxía, Dixestivo, Dermatoloxía, Anestesia e Reanimación, e as recentemente acreditadas tamén Anatomía Patolóxica e Microbioloxía. Ademais, están tamén acreditadas a Enfermaría Obstétrico Xinecolóxica (matronas), a Enfermaría Familiar e Comunitaria, e a Enfermaría de Saúde Mental. Xunto con isto, son catro os centros de saúde habilitados para ofrecer formación, o Fontenla Maristany, Caranza e Serantes, en Ferrol; e o de Narón.
 
Lembrar tamén que hai só uns días que se daba a benvida ós 32 residentes que estarán durante todo un ano nesta Área Sanitaria de Ferrol.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss