FEIJÓO DESTACA O COMPROMISO CO FUTURO DA SANIDADE PÚBLICA DE OURENSE CUN INVESTIMENTO DE CASE 120 MILLÓNS DE EUROS PARA AMPLIAR O CHUO E CONSTRUÍR UN CENTRO INTEGRAL DE SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 07 2021

​Ourense, 02 de xullo de 2021.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, resaltou hoxe o compromiso co futuro da Sanidade pública de Ourense, cun investimento de case 120 millóns de euros para ampliar o Complexo Hospitalario e construír un Centro Integral de Saúde na cidade.


Durante a presentación do proxecto "O futuro para a Sanidade Pública de Ourense", Feijóo salientou que o novo CHUO contará cun 47% máis de superficie -respecto a hai doce anos- tras a construción de tres edificios: un de hospitalización, coa reforma do hospital materno-infantil, outro ambulatorio e outro administrativo.


“Hoxe mesmo publicamos a licitación da construción do novo edificio de hospitalización e a reforma do hospital materno-infantil”, confirmou, precisando que o nova infraestrutura, que estará ubicada entre o Materno e o hospital de Cristal, contará con 12 plantas para albergar: 280 camas de hospitalización convencional, 38 de hospitalización pediátrica e 56 de hospitalización obstétrica; unha área de neonatoloxía con UCI pediátrica; urxencias pediátricas e obstétricas; un servizo de radioloxía e unha área de diálise. 


Ademais de licitar esta parte da ampliación -co fin de que no último trimestre deste ano comecen as obras-, o titular do Goberno galego destacou tamén a aprobación esta semana da segunda fase do Plan funcional para construír un edificio administrativo e un novo edificio ambulatorio -con 48 novas consultas, salas de apoio e 42 novas prazas de hospital de día, entre outros servizos-.


“En definitiva, o obxectivo é que en 2023 poidamos empezar a obra do edificio ambulatorio e do edificio administrativo e ter, deste xeito, comprometidos os catro edificios do novo CHUO entre o ano 2021 e 2023”, dixo a modo de resumo, ao tempo que recordou que tamén se levará a cabo a reforma da UCI, para aumentar a capacidade, e unha nova unidade de Medicina Nuclear; ademais da incorporación de 5 equipos radiocirúrxicos e dun sistema cirúrxico Da Vinci de última xeración.


No tocante ao Centro Integral de Saúde, que se construirá no solar ocupado actualmente polo Novoa Santos, aseverou que o novo CIS permitirá unificar Punto de Atención Continuada (PAC) coa a atención habitual non urxente ou ordinaria; sumar un circuíto específico para pacientes infecciosos; contar cunha sala específica de diagnóstico por ultrasóns e área de radiodiagnóstico; e aplicar programas para pacientes crónicos e multipatolóxicos e outros de rehabilitación integral. 


O presidente da Xunta incidiu en que este proxecto forma parte da aposta pola renovación integral do Servizo Galego de Saúde que, na provincia, inclúe a construción ou reforma de 14 centros de saúde máis: un novo centro de saúde na Rúa, cuxo convenio xa está asinado co Concello; a reforma do de Arnoia -licitado- e do de Ribadavia -que será licitado en breve-; “e asinamos convenios para reformar os de Rairiz de Veiga, O Bolo e Amoeiro”, dixo, anunciando tamén a sinatura, proximamente, dos acordos para remodelar os de Castro Caldelas, Castrelo de Miño, Beariz, Maside, Baltar, Vilardevós e Lobios.

 

Nesta mesma liña, afirmou que a Administración autonómica está a avaliar a posible construción dun novo centro de saúde no Caballiño ou a ampliación do xa existente. 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde