SANIDADE ABRE A AUTOCITA PARA TODAS AS PERSOAS SEN VACINAR DA COVID
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
27 08 2021
 

​A Consellería de Sanidade vai abrir a autocita para todas as persoas que, por diferentes motivos, non foron vacinadas. Así o anunciou esta mañá o conselleiro Julio García Comesaña, durante a visita que realizou ao punto de vacinación masiva de Vigo, que está localizado no IFEVI.

 

Dende as 15.00 horas de hoxe venres, poderanse solicitar xa as citas para a semana vindeira, tanto a través da páxina web como da aplicación Sergas Móbil. Os primeiros ocos dispoñibles serán para a mocidade entre 12 e 19 anos, con 15.000 citas habilitadas para o luns día 30 e outras 10.000 para o martes 31. O venres, vacinarase a poboación de maiores de 20 anos, tantas persoas como sexa posible en función das doses que se reciban. A partires de aí, a autocita é aberta para toda a poboación.

 

Neste sentido, o conselleiro de Sanidade anuncio que agora mesmo estase a traballar na replanificación da programación de vacinación da vindeira semana, logo de que esta mesma mañá o Ministerio confirmara que Galicia vai recibir só o 30% das doses de Moderna comprometidas para recibir o luns. Concretamente esta semana chegarán tan só 22.000 doses, no lugar das 70.000 previstas.

 

Garçía Comesaña, que estivo acompañado na visita pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias Núñez; e o xerente da Área sanitaria de Vigo, Francisco Javier Puente Prieto; remarcou que o esforzo do seu departamento céntrase agora nas repescas e que continúan traballando arreo con todas as doses que chegan “planificando e replanificando”.

 

O éxito do Plan galego de vacinación

 

O conselleiro de Sanidade, referiuse tamén ao Plan galego de vacinación, ao que definiu como un éxito dos profesionais e da cidadanía. No día de onte, superouse a barreira dos catro millóns de vacinas administradas, concretamente 4.011.281 doses. Para acadar estes valores, chegáronse a  administrar máis de 50.000 doses nun só día e 240.000 doses á semana, unhas cifras que poderían ter aumentado se houbese máis vacinas. O titular do departamento sanitario, quixo destacar a importancia dos 14 puntos de vacinación masiva no Plan, que permitiron administrar, rexistrar e aproveitar as doses ao máximo, aplicando unha loxística inversa que en calquera outro sitio non sería posible.

 

Proba deste bo facer é que Galicia é a segunda comunidade autónoma con maior porcentaxe de poboación diana vacinada, co 79,7% con dobre pauta, cun total de 1.968.274 persoas galegas doa pauta completa. Así mesmo, Galicia ten dos mellores datos de vacinación do país,  cunhas porcentaxes de vacinación do 100% no grupo de 80 anos e maiores, do 99,7%  no de 79-70 anos,  e do 97,6% no de  60-69 anos. Así mesmo as porcentaxes son do 94,2 % no grupo de 50-59 anos, 88,5% no de 40-49 anos e do 70,4 % do de 30 a 39 anos. Ademais, máis de 300.000 persoas menores de 30 anos teñen, alomenos, unha dose da vacina contra a covid.

 

García Comesaña quixo agradecer o traballo do que calificou como “magnifico” equipo de enfermería, informáticos, administrativos, persoal de loxística, transporte, Saúde Pública, … que veu recoñecido o seu labor coa Medalla de Ouro de Galicia. Ademais, lembrou que a Dirección Xeral de Saúde Pública ven de recibir unha felicitación por parte do Goberno central, “polo gran traballo realizado que está a permitir avanzar de forma excelente sobre a planificación táctica”.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss