O SERGAS PUBLICA AS PRIMEIRAS LISTAS DE ASPIRANTES PARA A FORMALIZACIÓN DE NOMEAMENTOS ESTATUTARIOS TEMPORAIS COMO FACULTATIVO ESPECIALISTA DE ATENCIÓN HOSPITALARIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
01 09 2021

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, as listas para formalización de nomeamentos estatutarios temporais de 43 categorías (42 especialidades e médicos de admisión), de persoal facultativo de atención hospitalaria, polo procedemento de listas conforme a baremo. Figuran un total de 1.997 profesionais inscritos, (ao redor do 70% son mulleres). As listas con maior número de  profesionais inscritos, superan os 100, son as de medicina interna, anestesioloxía e reanimación, farmacia hospitalaria, obstetricia e xinecoloxía, e pediatría e as súas áreas específicas.

Estas listas, que son o resultado dun Pacto asinado na Mesa Sectorial de Sanidade pola Administración sanitaria e as organizacións sindicais CIG, CESM-OMEGA, CC.OO, UGT e CSI-F, teñen carácter autonómico, con opción para o aspirante de seleccionar o/s distrito/s sanitario/s preferente/s para a prestación de servizos.

A orde de prelación das persoas aspirantes neste proceso vén determinada pola aplicación dun baremo que prima a maior das puntuacións globais obtidas na fase de oposición dos dous últimos procesos de selección fixa convocados e resoltos polo Sergas para o acceso á mesma especialidade. Ademais, valóranse os méritos de experiencia profesional, formación, coñecemento de galego e traxectoria docente e investigadora do aspirante conforme ao baremo aplicado nos procesos para o acceso ao emprego fixo.

Todas as listas de persoal licenciado sanitario son compatibles entre sí e serán obxecto de actualización periódica.

Cando as necesidades concretas que se pretendan cubrir ou as especificidades de determinados postos así o xustifiquen poderá exixirse, como requisito previo para a vinculación, a acreditación polo candidato de experiencia ou formación nesa concreta área, e mesmo poderá complementarse o proceso de selección coa realización dunha entrevista ou memoria.

Este procedemento unifica a xestión da selección temporal das distintas áreas sanitarias e dota de total transparencia á vinculación de persoal temporal no Sistema Público de Saúde de Galicia. Incorpora, tamén, novidades destacadas na xestión de chamamentos, que permitirán a un aspirante xa vinculado optar a mellores ofertas de contratación no mesmo ou calquera outro distrito que tivera seleccionado como preferente ademais dunha flexibilización no réxime de penalizacións.

As listas por especialidade e categoría atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) no apartado Emprego Público-listaxes de Contratación de Persoal Estatutario – Licenciado/a sanitario/a. Os aspirantes poderán ademais consultar o estado da súa solicitude na sección de procesos de Fides, no seu Expedient-e.

Estas listas entrarán en vigor, a efectos de chamamentos, a partir do día 2 de setembro.

 

A partir desta mesma data e durante o prazo dun mes, aqueles aspirantes admitidos que desexen modificar a selección de distritos preferentes efectuada na súa selección inicial poderán efectualo a través de Fides/expedient-e, accedendo ao seu formulario de inscrición.

Os procesos de selección para o acceso a prazas destas mesmas especialidades, convocados polas xerencias de área con anterioridade a esta data polo procedemento de concurso de méritos, pendentes de finalización, non se verán afectados na súa tramitación pola publicación desta Resolución.

Novas listas

En breve prazo, unha vez realizados os exercicios da fase de oposición para o acceso a estas especialidades, que se desenvolverán entre o 18 de setembro e o 24 de outubro próximos cunha oferta de preto de 1.000 prazas, iniciarase un novo proceso de xeración de listas que ademais da actualización de méritos dos aspirantes admitidos nestas, incluirá as novas solicitudes presentadas ata o 30 de xuño de 2021, o que permitirá a incorporación efectiva nas listas dos profesionais que finalizaron a súa formación sanitaria especializada nos anos 2020-2021.

 

As novas listas incorporarán xa a nota OPE dos próximos exames e terán en conta o baremo de méritos publicado o 30 de xuño de 2021.

Garantía de estabilidade
En aplicación do disposto na Orde da Consellería de Sanidade do 22 de abril de 2021, os aspirantes incluídos nas listas que se publican hoxe que viñeran prestando continuadamente os mesmos servizos por un período igual ou superior a dous anos, terán en todo caso garantida a continuidade na prestación de servizos ata a resolución do proceso de selección fixa actualmente en tramitación. A mesma garantía aplicarase ao persoal facultativo que, aínda non constando nestas listas, reúna o requisito de permanencia de dous anos e tivera participado nalgún concurso de méritos convocado polas xerencias dos centros desde o 1 de xaneiro de 2019.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss