A ÁREA SANITARIA DE FERROL DÁ A BENVIDA ESTA MAÑÁ Ó ALUMNADO DE SEXTO DE MEDICINA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 09 2021

​A Sanitaria de Ferrol deu a benvida esta mañá ós 14 alumnos e alumnas de sexto de medicina que realizarán as súas materias de práctica clínica de todo o curso académico na área ferrolá durante este período 2021-2022. Comezan as súas prácticas dende esta semana e rematarán no mes de maio de 2022. Son a sétima promoción de alumnos nesta modalidade de formación da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que acolle a Área Sanitaria de Ferrol xa que, ata o 2015, acudían alumnos da Facultade de Medicina só en período non lectivo, no verán. A modificación do Plan de Estudos estableceu nese ano un período longo de prácticas en sexto curso en diversos emprazamentos da área sanitaria ferrolá.

 
Os alumnos e alumnas puideron escoller calquera xerencia do Sergas, e estes 14 escolleron Ferrol. Con esta formación, rematarán os seus créditos para a obtención do título de médico tras superar os exames correspondentes da USC. Recibíanse esta mañá no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, e estiveron cos alumnos no acto de benvida, o xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio Villanueva; a directora de Procesos de Soporte, Amparo Fondevila López; o responsable de Docencia, Ramón López de los Reyes; e tamén algúns profesionais da trintena de titores que supervisarán estas rotacións.
 
“É moi satisfactorio poder formar parta da vosa formación”, dicíalles esta mañá, o xerente da Área, Ángel Facio. “O que pode aportar esta Área é a ilusión dos e das profesionais que sacan tempo para a vosa formación; e a práctica apréndese de todos, sanitarios e non sanitarios”. O xerente cualificou de “heroico o traballo das e dos titores“; e aconselloulles que non esquezan “que se trata ó enfermo e non só a súa enfermidade”. Lembroulles que “sodes moi importantes, que a sociedade vos precisa e nós tamén”.
 
Pola súa banda a directora de Procesos de Soporte, Amparo Fondevila, destacou que “se inicia unha etapa de aprendizaxe e experiencia que esperemos disfrutedes e aproveitedes”. Por último, o responsable de Docencia, Ramón López, agradeceu un ano máis que escolleran a Área Sanitaria de Ferrol para as prácticas; e incidiu en que “estamos moi comprometidos coa docencia e a calidade, e vós contribuídes a iso, xa que nos axudades a mellorar”.
 
Un novo ano este acto de benvida foi máis reducido por mor da Covid.  As medidas que os responsables de Docencia lles adiantaron nesta sesión non se diferencian das que teñen que seguir o resto de profesionais da Área, entre outras: “emprego obrigatorio da máscara en todo momento, tanto en espazos abertos como pechados, e independentemente da distancia de seguridade”; “insistencia na hixiene de mans constante tras cada actuación e previa á mesma”; e “a tarxeta de identificación sempre visible”, xa que “os pacientes teñen dereito a saber con quen están a falar”.
 
Como é a práctica
Estes alumnos cursan materias de Práctica Clínica en anteriores cursos, onde se achegan á atención hospitalaria e do centro de saúde, e adquiren competencias xerais. En sexto curso, afondan en competencias máis específicas en cada ámbito, e afianzan os coñecementos máis globais. Polo tanto, o obxectivo xeral deste período na Área Sanitaria ferrolá é que os estudantes pasen por áreas específicas durante períodos de tempo concretos, tanto nas distintas especialidades dos centros hospitalarios do Complexo como nos centros de saúde. Tamén rotarán polo punto de coordinación Covid da Área sanitaria de Ferrol, dada a especial relevancia de coñecer os protocolos, e a coordinación de información e das probas que se realiza dende este punto.
 
A organización corresponde ós coordinadores docentes de cada centro seguindo as instrucións e plans de estudo que proveñen da facultade de medicina e odontoloxía, e organízanse quendas para que todo o alumnado pase por diferentes materias clínicas, cirúrxicas, e de servizos centrais, tanto no ámbito hospitalario como nos centros de saúde.
 
Posteriormente, fanlle un exame de tódalas materias en Santiago de Compostela, unha Avaliación Clínica Obxectiva Estruturada (ACOE) de habilidades necesarias, e que se consideran básicas na atención ós pacientes. As denominadas estacións, coas que os avalían, son situacións clínicas nas que hai que actuar dun xeito común a todas elas, non só dende o punto de vista clínico, senón dende a actitude: comunicación e trato ó paciente; atención á familia; saúdo inicial; habilidades clínicas básicas, como a realización da entrevista clínica ou as técnicas de exame físico; habilidades preventivas; orientación diagnóstica e solicitude de probas complementarias; toma de decisións; ou manexo de material técnico.
 

Saúdos de Comunicación da ÁREA SANITARIA DE FERROL do SERGAS.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss