O SERGAS PUBLICA AS DATAS DA OPOSICIÓN COA QUE REFORZARÁ CON 1.311 PROFESIONAIS A SANIDADE PÚBLICA GALEGA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
03 09 2021
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, o lugar, data e hora de realización dos exercicios da fase de oposición dos procesos selectivos correspondentes á convocatoria do ano 2019-2020 para o acceso a diversas categorías de facultativos especialista de área, así como de técnicos sanitarios.
  
O número total de persoas aspirantes admitidas para a realización das probas selectivas é de 8.812, das cales 3.780 corresponden a persoal licenciado sanitario e 5.032 ás categorías de persoal técnico sanitario.

Ofértanse neste proceso un total de 1.311 prazas, das que 996 corresponden a 42 categorías de persoal licenciado sanitario, que se desagregan en 89 de médico de urxencias hospitalarias, 10 de médico asistencial do 061 e cinco de médico de admisión e documentación clínica. Outras 892  pertencen a 39 especialidades de facultativo de área.

As 315 prazas restantes corresponden a persoal técnico sanitario das especialidades de farmacia (86), laboratorio de diagnóstico clínico (104), imaxe para o diagnóstico (63), hixiene bucodental (10), anatomía patolóxica e citoloxía (41) e radioterapia (11).
 
Así mesmo, un total de 288 aspirantes exercen o seu dereito á promoción profesional, solicitando participar por esta quenda de acceso. Son profesionais do Servizo Galego de Saúde, con vinculación fixa que están a desenvolver as súas funcións noutra categoría profesional do mesmo ou inferior nivel de titulación. Tamén resultaron admitidas un total de 226 persoas aspirantes pola vía de acceso de discapacidade.
 

Todas as probas selectivas realizaranse no Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda (Pontevedra).

Datas das probas

O sábado 18 de setembro examinaranse 714 aspirantes para a cobertura de 209 prazas de facultativo especialista de área das especialidades de alergoloxía, anatomía patolóxica, anxioloxía e cirurxía vascular, cirurxía cardiovascular, dermatoloxía médico-cirúrxica e venereoloxía, endocrinoloxía e nutrición, hematoloxía e hemoterapia, medicina do traballo, medicina física e rehabilitación, medicina nuclear, neurocirurxía, neurofisioloxía clínica, oncoloxía médica, otorrinolaringoloxía, reumatoloxía, uroloxía, xeriatría e médico/a de admisión e documentación clínica.
 
O domingo 19 de setembro farano 838 aspirantes das categorías de facultativo especialista de área de obstetricia e xinecoloxía,  de área de psicoloxía clínica, médico de urxencias hospitalarias e técnico superior de radioterapia, para cubrir 185 prazas.
 
O sábado, 25 de setembro están convócase a 1.042 aspirantes das especialidades de anestesioloxía e reanimación, aparello dixestivo, cardioloxía, cirurxía ortopédica e traumatoloxía, farmacia hospitalaria, medicina preventiva e saúde pública, nefroloxía, neuroloxía e psiquiatría, para un total de 286 prazas.
 
O domingo, 26 de setembro examinaranse 870 aspirantes para a cobertura de 114 prazas de facutaltivo especialista de área de cirurxía torácica, microbioloxía e parasitoloxía, pediatría e as súas áreas específicas e radiofísica hospitalaria, médico asistencial do 061 e técnico superior de anatomía patolóxica e citoloxía.
 
O sábado, 2 de outubro están convocados 1.224 aspirantes das categorías de facultativo especialista de área de Medicina Interna e técnico superior de imaxe para o diagnóstico, cun total de 110 prazas.
 
Na xornada do domingo, 3 de outubro 1.108 aspirantes das especialidades de análises clínicas, cirurxía xeral e do aparello dixestivo, medicina intensiva, oftalmoloxía, pneumoloxía, radiodiagnóstico e técnico superior de hixiene bucodental, cun total de 217 prazas.
 
Por último, o 23 e 24 de outubro examinaranse un total de 3.016 aspirantes das categorías de técnico de farmacia e técnico superior de laboratorio de diagnóstico clínico, para cubrir 86 e 104 prazas, respectivamente.
 
Na páxina web do Servizo Galego de Saúde  www.sergas.es recóllese a información das distintas portas de acceso ao recinto e a relación de aspirantes comprendidos en cada unha delas.
 
Medidas de seguridade e organizativas no desenvolvemento das probas
Debido ao contexto sanitario actual derivado da pandemia, elaborouse un protocolo de medidas de seguridade e organizativas no desenvolvemento dos procesos selectivos do Servizo Galego de Saúde, que contén as medidas preventivas e os medios necesarios para protexer a seguridade e saúde das persoas implicadas en tales procesos.
 
Entre outras medidas están a supresión do chamamento dos aspirantes no exterior do recinto de realización das probas; a acreditacion para o acceso efectuarase a través de código QR; e cada aspirante terá asignado un número de posto de exame que deberá ocupar para a realización das probas. Ademais, a cumprimentación dos datos identificativos da folla de respostas efectuarase pola propia persoa aspirante no seu posto de exame; habilitaranse no lugar de realización das probas espazos diferenciados de especial vulnerabilidade para os aspirantes inmunodeprimidos; embarazadas, etc, e está definidio un protocolo de actuación a seguir para o suposto de que algún aspirante, durante a realización das probas, aprecie síntomas compatibles coa covid. En definitiva, medidas que contribuirán a unha maior axilidade no desenvolvemento das probas e a unha redución do contacto interpersoal.
 
As persoas convocadas terán dispoñible en Fides un código QR coa información do lugar, data e hora de realización das probas, así como a porta de acceso e número de mesa a ocupar. A entrada será axilizada co uso de código QR para identificación.
 
Este protocolo está publicado na páxina web do Servizo Galego de Saúde: OPE-Oferta Pública de Emprego e conta coa aprobación da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss