SANIDADE E A ASOCIACIÓN GALEGA DE TRASPLANTADOS DE MEDULA ÓSEA COLABORARÁN NA POSTA EN MARCHA DE ACTIVIDADES QUE PROMOVAN O PROCESO DE DOAZÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
06 09 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na súa condición de presidente da Axencia Galega de Sangue Órganos e Tecidos (ADOS), e a presidenta da Asociación Galega de Trasplantados de Medula Ósea (ASOTRAME), Cristina Piñeiro Couce, asinaron hoxe un convenio de colaboración, que ten por obxecto establecer as liñas xerais que rexerán a colaboración entre ambas entidades para a posta en marcha de actividades que promovan a necesidade de coñecer e actualizar o proceso de doazón de medula ósea na sociedade, o que permitirá unha maior posibilidade de transplante para os pacientes.
 
No acto de sinatura, que tivo lugar no Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade, estiveron presentes, así mesmo, a directora de ADOS, Marisa López García, e a subdirectora xeral de Humanización e Atención á Cidadanía do Sergas, Josefina Monteagudo Romero.
 
Entre as liñas xerais de colaboración establecidos no convenio asinado están o desenvolvemento de programas divulgativos e de formación para mellorar o coñecemento dos mecanismos e vías para posibilitar a doazón de proxenitores hematopoéticos. Así mesmo, poranse en marcha campañas informativas de promoción da doazón de proxenitores hematopoéticos dirixidas á poboación xeral.
 
Incluirase, nesta liña de colaboración, cantas accións permitan a posta en práctica de programas colectivos para a formación do persoal do sistema de saúde de Galicia en materia de doazón e transplante de proxenitores hematopoéticos. Ademais, Axencia de Sangue, Órganos e Tecidos colaborará con ASOTRAME compartindo material promocional do que dispón para a realización de tarefas de divulgación e información.
 
Actividade permanente
En Galicia desenvólvense, de forma permanente, distintas campañas de promoción  da doazón e actividades en colaboración con diferentes asociacións relacionadas co  trasplante de proxenitores hematopoéticos, co obxecto de mellorar a información que recibe a cidadanía e sensibilizar sobre a necesidade de contar cunha base de doantes adecuada.
 
Dende ADOS estase a impulsar unha potente campaña de comunicación a través de redes sociais (Facebook, twitter, Instagram), así como na elaboración de contidos  (YouTube), coa participación dos pacientes, para dar a coñecer o valor dun transplante de medula ósea desde a perspectiva de quen o recibe.
 
Cómpre remarcar a importante participación de ASOTRAME, no programa de Charlas  na  Escola e no Plan Proxecta, no que os pacientes trasplantados relatan a súa experiencia aos máis novos, sumando a súa visión á dos profesionais e expertos.
 
Entre as accións programadas desde  ADOS este ano atópase a convocatoria dunha nova edición (VI) do Concurso Universitario de  Curtametraxes relacionados  coa  doazón e ou transplante de medula ósea, promovido desde a Coordinación Autonómica de Transplantes do Sergas.
 
Sinalar, así mesmo, que a nosa comunidade conta, na actualidade, cun total de 13.054 doantes incorporados ao Rexistro de doadores de médula ósea (REDMO).

 

 

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss