A XUNTA PON EN MARCHA O PRIMEIRO DOS SETE HOSPITAIS DE DÍA INFANTO-XUVENÍS CONTEMPLADOS NO PLAN DE SAÚDE MENTAL DE GALICIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
07 09 2021
 

O primeiro Hospital de Día Infanto-Xuvenil de Galicia iniciou hoxe o seu funcionamento en Vigo. O xerente do Sergas, José Flores, visitou o novo dispositivo sanitario, emprazado nun pavillón, recentemente remodelado, do Hospital Nicolás Peña. Nesta visita estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias; o xerente da Área Sanitaria, Javier Puente; e o xefe do servizo de Saúde Mental, José Manuel Olivares.

No transcurso desta visita, o xerente do Sergas manifestou que este Hospital de Día se enmarca na estratexia de Saúde Mental 2020-2024, que contempla un importante incremento dos recursos dirixidos á poboación infanto-xuvenil. “Este hospital de Día é o primeiro que se pon en marcha dentro do obxectivo marcado polo Plan de Saúde Mental de contar cun dispositivo destas características en cada unha das sete áreas sanitarias no horizonte do ano 2023. Coa posta en marcha desta nova dotación sanitaria seguimos avanzando no desenvolvemento desta estratexia e cumprindo así os compromisos adquiridos polo Goberno galego na mellora da atención a saúde mental de Galicia”.

A este respecto, está previsto que as áreas de Santiago, Lugo e Ourense poñan en marcha as súas unidades homólogas ao longo deste ano, mentres que as áreas de Pontevedra, Ferrol e A Coruña teñen programada a súa posta en marcha na segunda fase do Plan.

Neste senso, José Flores tamén recordou que, nestes últimos meses, a área de Vigo ten experimentado un significativo incremento destes recursos,  xa que ademais do novo Hospital de Día, vén de poñer en marcha 2 novas Unidades ambulatorias, unha de adultos no centro de saúde de Tui, e outra infanto xuvenil no Cunqueiro; e proximamente contará cunha Unidade de Hospitalización dirixida aos menores, xa licitado o proxecto arquitectónico.

 Un cento de pacientes anuais
O Hospital de Dia Infanto Xuvenil é un dispositivo asistencial intermedio cuxa finalidade é proporcionar un tratamento para os trastornos mentais graves que aparecen na infancia e na adolescencia. Isto é, e un novo recurso sanitario a medio camiño entre a hospitalización e as consultas externas, que ofrece unha abordaxe dos problemas desde unha perspectiva  biopsicosocial e familiar.

Así, prevé atender preto dun cento de pacientes anuais, entre 8 e 16 anos e con Trastorno Mental Grave. Nesta primeira fase desenvolverán varios programas terapéuticos intensivos dirixidos a pacientes con Trastorno Mental Grave, con Trastorno da Conduta alimentaria e aqueles que presenten risco autolesivo e inestabilidade emocional grave.

Neste momento, o equipo de profesionais está composto por 1 psiquiatra, 1 psicóloga Clínica, 1 enfermeiro especialista en Saúde Mental e 1 traballador Social. Nos próximos meses incorporaranse máis efectivos: 1 Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermería (TCAE); 1 Terapeuta Ocupacional e 1 Profesor (a través dun convenio coa Consellería de Educación).

O Hospital de Día está emprazado no 1º andar do Pavillón 3, e conta cunhas instalacións que foron reformadas e acondicionadas para ofertar esta actividade, sobre todo para acoller as actividades grupais. Dispón de 5 consultas, sala de espera, sala de grupos, sala ocupacional e una sala comedor/estudo, para os pacientes que realicen estancia en réxime de día.

Vantaxes desta intervención

Os problemas de saúde mental teñen un peso significativo na morbilidade e a mortalidade dos nenos e mozos de todo o mundo: así, por exemplo, o suicidio é a terceira causa de morte nos menores de idade, sendo a adolescencia un grupo de especial risco. Aproximadamente un 10-20% dos nenos e adolescentes padecen algún trastorno psíquico, sendo os máis frecuentes os trastornos de conduta, seguidos dos trastornos de ansiedade e o TDAH (déficit de atención e hiperactividade).

As intervencións terapéuticas en réxime de hospitalización psiquiátrica a tempo parcial teñen demostrado a sua eficacia no tratamento de múltiples trastornos en poboación infanto-xuvenil, evitando ingresos posteriores noutros dispositivos. Unha das principais vantaxes dos hospitais de Día é que permiten manter o contacto do menor co seu entorno familiar e social, o que favorece a súa  reintegración e recuperación funcional.

 Plan de Saúde Mental

A Xunta de Galicia xa ten incorporados a 95 dos 120 novos profesionais previstos nos dous primeiros anos do Plan, o que representa preto do 80%. Destes 95 profesionais, 31 son psicólogos, 31 psiquiatras, 12 traballadores sociais, 17 son persoal de enfermería especialista en saúde mental, 2 técnicos auxiliares de enfermería e 2 terapeutas ocupacionais.

A incorporación deste persoal para o Plan de Saúde Mental ten permitido a creación de novas unidades de saúde mental de atención ambulatoria, tanto no eido infanto-xuvenil, coa posta en marcha de novas unidades nos hospitais de Vigo e A Coruña, como no eido dos adultos, como as recentemente inauguradas en Ordes, Tui ou Oleiros.

Tamén se reforzaron os equipos de atención domiciliaria á saúde mental nas áreas de Santiago, Ourense e Pontevedra, e incorporáronse aos profesionais precisos para a posta en marcha dunha unidade de psicoxeriatría en Ourense e de programas intensivos de hospital de día infanto-xuvenil como o que inicia agora en Vigo e os que se porán en marcha en Santiago, Lugo e Ourense.
 
Ademais da dotación do persoal o orzamento transferido ás áreas sanitarias no presente ano destinado ao desenvolvemento do Plan de Saúde Mental, sitúase ao redor dos 425.000 euros, para financiar os recursos necesarios para o funcionamento destes novos programas: equipamento informático, maquinaria e mobiliario, transporte sanitario para hospitalización a domicilio psiquiátrica, etc.
 
Outros eixos do Plan
Ademais das melloras derivadas da maior dotación de recursos humanos e un investimento en equipamento e material, a Xunta avanza noutros eixos do Plan de Saúde Mental de Galicia. No que ten que ver co apoio ás entidades sociais do sector, no mes de xuño convocáronse, cunha dotación de más de 860.000 euros, subvencións destinadas á realización de programas de carácter sociosanitario no eido dos trastornos mentais. Isto supuxo un incremento de máis dun 30% sobre o destinado no ano pasado a estas entidades a través de liñas de concorrencia competitiva e, ademais, abriuse unha nova liña específica de apoio a entidades que desenvolvan programas de prevención do suicidio.
 
Por outra banda, no relativo ao fomento da investigación en saúde mental, tense encomendado á Fundación Galega de Medicina Xenómica o desenvolvemento dun Plan de implantación de farmacoxenómica en psiquiatría, que permitirá adaptar a prescripción a determinados biomarcadores individuais, optimizando a eficiencia dos fármacos, garantindo a seguridade do doente e situando a Galicia na cabeza da innovación neste campo.

 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss