FEIJÓO DESTACA O INVESTIMENTO DE 8,7 M€ EN EQUIPAMENTO NO CHUS NOS ÚLTIMOS DOUS ANOS COMO EXEMPLO DA APOSTA CONTINUA POLA MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA DOS HOSPITAIS GALEGOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
08 09 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o investimento de 8,7 millóns de euros en equipamento no Hospital Clínico Universitario de Santiago como exemplo da aposta continua pola modernización tecnolóxica dos hospitais galegos. Unha modernización que aumenta as posibilidades asistenciais, incrementa a capacidade clínica do CHUS e consolida o seu papel referencial na rede hospitalaria de Galicia e de España.

 

Durante unha visita a este hospital, Feijóo coñeceu os novos equipos da Unidade de Imaxe Cardíaca do CHUS cos que se farán estudos máis exhaustivos do corazón e dos grandes vasos sanguíneos. Así, por exemplo, o TAC volumétrico permite realizar estudos das arterias coronarias cun só latido, diminúe a radiación e permite o seu uso en pacientes complexos; e a Resonancia Signa facilita a realización de estudos nun espazo máis amplo para o doente, diminuíndo o número de probas suspendidas por claustrofobia e evitando, no seu caso, a sedación.
Entre outros Instrumentos que inciden directamente na calidade de vida do paciente e cos que conta este complexo sanitario atópase, tamén, o Equipo de Ultrasóns de Frecuencia Focalizado (HIFU) guiado por resonancia magnética. Un equipo que supón un enorme salto adiante no tratamento do tremor esencial e do parkinson -dúas doenzas neurolóxicas moi frecuentes que afectan en conxunto a 39.000 galegos-, xa que cunha sesión de non máis de 45 minutos, o paciente pode ver mellorado o seu tremor en máis dun 80% cunha eficacia no tratamento de 5 anos.
Ao longo da visita, Feijóo constatou como desde o mes de marzo ser realizaron xa 11 tratamentos; e nos últimos catro meses avaliáronse a 63 pacientes candidatos.
Nesa modernización do complexo, tamén ocupa un lugar destacado o novo acelerador lineal intraoperatorio, aplicado a tratamentos como os tumores de mama, páncreas, pélvicos, rectais e aos sarcomas, e que forma parte da compra de equipos tecnolóxicos á que se comprometeu Fundación Amancio Ortega hai cinco anos, por preto de 17 millóns; así como un dos sete robots cirúrxicos Da Vinci que se porán en funcionamento nas sete áreas sanitarias de Galicia, logo dun investimento de 20,5 millóns. Un robot que facilita a visión e os movementos do cirurxián; mellora a precisión; evita a perda de sangue, coa conseguinte diminución das transfusións; reduce a dor; e mellora a estadía media postoperatoria.
Así mesmo, o presidente da Xunta coñeceu outros avances dotacionais efectuados no CHUS só durante este 2021, entre os que destacan: 7 novos equipos radiocirúrxicos -un vascular e 6 normais-; unha nova unidade de ictus, con 6 camas e monitorización 24 horas, para estreitar o control sobre estes pacientes sensibles; e un novo equipamento para farmacia hospitalaria, que será reformada trala adxudicación da obra.

Ampliación do complexo hospitalario

Á marxe da renovación tecnolóxica, cómpre lembrar que a Xunta xa ampliou recentemente o servizo de urxencias despois dun investimento de 1,65 M€ e segue a traballar na ampliación do complexo para aumentar a súa superficie nun 30% (30.000 m2), previo esforzo orzamentario de máis de 50 M€.
Deste xeito, medrarán 2 dos 3 edificios actuais para poñer a disposición dos veciños da área sanitaria un hospital máis preparado para afrontar a demanda das vindeiras décadas e seguir sumando servizos.

 

Ao finalizar a ampliación, o CHUS verá mellorada as urxencias; os bloques cirúrxicos; o hospital de día, as unidades de mama, neumoloxía, dor, anestesia, ou cirurxía plástica e maxilofacial; o laboratorio de microbioloxía; e a área de autopsias.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss