INVESTIGADORES DO IDIS DESCOBREN POR PRIMEIRA VEZ O MECANISMO DE ACTIVACIÓN DO TECIDO ADIPOSO NOS NEONATOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
10 09 2021

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2021.- Investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) demostran, por primeira vez no mundo, o proceso de activación do tecido adiposo pardo (graxa parda) nos nenos acabados de nacer nas súas primeiras horas de vida e identifican que a proteína BMP8 aumenta en relación directa co aumento da temperatura da graxa parda nos bebés, polo que podería implementarse como un marcador de activación neonatal deste tecido. A graxa parda ten un papel fundamental para evitar a hipotermia neonatal, que pode causar patoloxías (como o distrés respiratorio, a falla de osixenación) que poden chegar a ser ameazantes para a vida dos recentemente nados.

 

 
O traballo publicado en Nature Communications, revista de alto impacto, foi realizado por investigadores do Servizo de Neonatoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago e do grupo de NeurObesidade do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), ambos adscritos ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS). Trátase dun estudo prospectivo de 5 anos.
 
A estimulación da graxa parda considérase que é unha das respostas que o bebé ten que poñer en marcha para poder adaptarse á nova situación á que se enfronta tras o nacemento. Despois do parto, o bebé deixa de estar nun ambiente térmico de 37º, que é a temperatura á que está no útero da nai, e pasa a estar exposto a unha temperatura de 26º. Neste momento, os recentemente nados teñen que ser capaces de activar mecanismos adaptativos para manter a súa temperatura corporal nun rango moi estreito de normalidade e así asegurar, non só a correcta adaptación á vida fóra do ventre materno, senón tamén, o normal funcionamento do seu corpo.
 
O tecido adiposo pardo, tamén coñecido como graxa parda, xa ten sido moi estudado noutras etapas da vida e sábese que é capaz de xerar calor a partir de combustibles presentes no sangue, como a glicosa e/ou os triglicéridos, pero non fora estudado ata o de agora no neonato. Esta calor xerada pola graxa parda pódese medir grazas á termografía por infrarraxos, tecnoloxía non invasiva que se utilizou neste estudo. Ademais, para comprobar a activación do tecido adiposo pardo, medíronse varias hormonas, que se sabe están producidas por este tecido. Así, outro dos principais achados desta investigación, foi o de identificar unha proteína, chamada BMP8, que aumenta en relación directa co aumento da temperatura da graxa parda e que podería constituír un marcador de activación neonatal deste tecido.
 
Adela Urisarri, Ismael González-García, Miguel López e María Luz Couce, son os investigadores principais deste estudo, subliñan que coñecer os mecanismos polos que un bebé é capaz de xerar calor ao nacer ten un gran interese científico.
 
Sobre o IDIS
O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) é un centro de investigación traslacional, de innovación e transferencia de coñecemento que favorece as sinerxias entre as áreas sanitarias de Santiago de Compostela e Barbanza; a de Lugo, Monforte e Burela e a Universidade de Santiago, e ao que están vinculados 95 grupos e máis de 1.300 investigadores. Naceu en 2008 para poñer en valor o coñecemento aplicado e situou a Galicia como referente internacional no campo da biomedicina. Foi o primeiro centro galego acreditado polo Instituto de Saúde Carlos III en 2010.
 
No pasado exercicio, os investigadores composteláns captaron máis de 31 millóns de euros e acadaron fondos para desenvolver 88 novos proxectos de investigación en convocatorias de concurrencia competitiva de índole autonómica, nacional e internacional. Mantense así a situación de liderado do IDIS como un dos institutos de investigación sanitaria máis competitivos no ámbito nacional e de referencia absoluta en Galicia.
Nos dez anos de andadura acreditada do principal polo de investigación biomédica público galego desenvolvéronse 687 proxectos de investigación e captáronse 216.344.110 € para, desde Compostela, contribuír á mellora da saúde da cidadanía e manter intacta a tradición sanitaria da capital galega.
 
Así, a pesares das dificultades do pasado ano e da diminución nas convocatorias para investigación no eido xeral, os investigadores do IDIS captaron un total de  31.340.579 euros.
 
 

 

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss