A XUNTA XA TEN EN MARCHA SEIS UNIDADES DE ATENCIÓN A PERSOAS EN RISCO DE SUICIDIO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
10 09 2021

 
A Xunta de Galicia xa ten en marcha seis unidades de atención a persoas en risco de suicidio. A través do desenvolvemento do Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024, o Sergas constituíu as unidades previstas para as áreas sanitarias da Coruña, Lugo, Pontevedra e Vigo, incorporándose de xeito adicional, unha sexta unidade na área sanitaria Ferrol.
 
Así, cada unha destas unidades conta cun equipo específico de profesionais composto por persoal de psicoloxía, psiquiatría e enfermaría, o que implicou a contratación de 15 novos profesionais ao longo deste ano. O mantemento destas novas cinco unidades ao longo da vixencia do Plan suporá un investimento de máis de 3,6 millóns de euros.
 
Todas elas, engádense á xa creada con anterioridade na área sanitaria Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, que foi pioneira cun modelo de referencia estatal, e agora se reproduce en cinco novas áreas co que, na actualidade, seis das sete áreas sanitarias galegas xa contan cunha unidade especializada destas características.
 
A sétima, a área de Santiago de Compostela e A Barbanza, conta cun circuíto de derivación rápido, cuxos prazos máximos para a atención urxente é de 5 días. Dentro dos proxectos de mellora previstos a incorporar no vindeiro plan de prevención de suicidio de Galicia, avaliarase as melloras organizativas precisas para crear a sétima unidade de atención ás condutas suicidas, de xeito que cada area poida contar con unha destas unidades.
 
Por outra banda, no ano 2021 convocouse por primeira vez unha liña específica de subvencións por valor de 133.688 euros para que as entidades sen ánimo de lucro no  ámbito comunitario, desenvolvan programas de prevención e así axudar a sensibilizar e detectar situacións de risco.
 
Ademais, a Comisión interdepartamental Sanidade-Educación vén de adoptar o acordo de desenvolver un comité de traballo para desenvolver un programa de prevención universal do risco de suicidio no ámbito escolar para diminuír condutas autolíticas na mocidade.
 
Plan de Saúde Mental
A Xunta aprobou no ano 2020 o Plan de Saúde Mental de Galicia poscovid-19 para o período 2020-2024, cun orzamento global de 83 millóns de euros e un compromiso de creación de 241 novas prazas.
 
A data de hoxe, o Sergas xa ten incorporados a 95 dos 120 novos profesionais previstos nos dous primeiros anos do Plan, o que representa preto do 80%. Destes 95 profesionais, 31 son psicólogos, 31 psiquiatras, 12 traballadores sociais, 17 son persoal de enfermería especialista en saúde mental, 2 técnicos auxiliares de enfermería e 2 terapeutas ocupacionais.
 
A incorporación deste persoal para o Plan de Saúde Mental ten permitido a creación de novas unidades de saúde mental de atención ambulatoria, tanto no eido infanto-xuvenil, coa posta en marcha de novas unidades nos hospitais de Vigo e A Coruña, como no eido dos adultos, como as recentemente inauguradas en Ordes, Tui ou Oleiros.
 
Tamén se reforzaron os equipos de atención domiciliaria á saúde mental nas áreas de Santiago, Ourense e Pontevedra, e incorporáronse aos profesionais precisos para a posta en marcha dunha unidade de psicoxeriatría en Ourense e de programas intensivos de hospital de día infanto-xuvenil como o iniciado este mes en Vigo e os que se porán en marcha en Santiago, Lugo e Ourense.
 
Ademais da dotación do persoal o orzamento transferido ás áreas sanitarias no presente ano destinado ao desenvolvemento do Plan de Saúde Mental, sitúase ao redor dos 425.000 euros, para financiar os recursos necesarios para o funcionamento destes novos programas: equipamento informático, maquinaria e mobiliario, transporte sanitario para hospitalización a domicilio psiquiátrica, etc.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss