A CONSULTA TELEFÓNICA SEGUE A SER A MODALIDADE DE PREFERENCIA DOS CIDADÁNS GALEGOS QUE PIDEN CITA EN ATENCIÓN PRIMARIA POR VÍA TELEMÁTICA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 09 2021
 

​A consulta telefónica segue a ser a modalidade de preferencia da cidadanía galega que pide cita co seu médico de atención primaria por vía telemática (internet, teléfono, app). Así o reflicten os datos resultantes logo de que, dende onte, o Servizo Galego de Saúde posibilitara que os usuarios poideran xa elixir se desexaban que a cita co seu médico do primeiro nivel asistencial fora presencial.

As citas solicitadas por vía telemática no día de onte, xoves, foron un total de 15.313, o que representa un 14% da petición de citas totais dese día, que supuxeron un total de 111.384. Desas 15.313 citas solicitadas por vía telemática, 7.197, é dicir, un 47%, escolleron a atención presencial, por tanto a modalidade de atención telefónica segue a ser a preferida das galegas e galegos que piden cita vía telemática.

No día anterior á apertura da posibilidade de pedir cita presencial, é dicir, o mércores 15, as citas solicitadas por vía telemática foron un total de 12.377, o que representa un 12% do total de citas solicitadas dese día, que supuxeron un total de 106.917.

Sinalar, por tanto, que as citas telemáticas, que non supoñen o 15% en global, incrementáronse moi pouco ao día seguinte da apertura por parte do Sergas da cita presencial, ao pasar do 12% ao 14%.

Maior autonomía aos centros

As reformas previstas e prometidas pola Xunta de Galicia para a atención primaria estanse a poñer en marcha tal e como o Executivo galego anunciou, ao tempo que se está a traballar en novas cuestións. O novo modelo que pretende levar a cabo o departamento sanitario permitirá dotar dunha maior autonomía aos centros, así como mellorar a redistribución das tarefas entre as categorías profesionais que desenvolven as sús funcións neles. Tamén está a posibilitar reorganizar a demanda, e levar a cabo accións que incrementen, aínda máis, a relación coa atención hospitalaria.

En definitiva, a Xunta seguirá avanzando e facilitándolle o traballo aos profesionais que exercen o seu labor en atención primaria e ofrecéndolle ás galegas e galegos unha mellor asistencia.

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss