A XUNTA ANIMA Á DOAZÓN DE MEDULA ÓSEA TRAS REFORZAR A SÚA CAPACIDADE PARA IDENTIFICAR DOANTES COMPATIBLES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
22 09 2021
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presidiu o acto de entrega de premios aos gañadores da sexta edición do Concurso Universitario de Curtametraxes relacionado coa doazón e o transplante de medula ósea, promovido desde a Coordinación Autonómica de Transplantes da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS). O acto de entrega, que tivo lugar esta mañá no salón de actos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra (Universidade de Vigo), tamén contou coa presencia da decana deste centro de ensino universitario, Emma Torres-Romay, e da directora de ADOS, Marisa López García.

No transcurso deste acto, o conselleiro de Sanidade salientou a importancia do reforzo dos medios precisos, por parte da Xunta de Galicia, para que os doentes acaden un doante compatible.

Neste sentido, indicou que a Xunta de Galicia conta cunha Unidade de Bioloxía Molecular dentro de ADOS, acreditada desde hai 23 anos coa certificación da Federación Europea de Inmunoxenética (EFI). Esta unidade permite facer as análises precisas para identificar os doantes compatibles e posibilitan os transplantes.

O responsable da sanidade pública galega salientou que este labor de tipaxe de novos doantes é prioritario e se están a facer importantes investimentos e renovando os laboratorios de ADOS, un dos cales rematouse este mesmo verán e a súa nova tecnoloxía posibilitará o incremento da capacidade de tipaxe de posibles doantes, incorporando, así mesmo, tecnoloxía NGS de secuenciación de nova xeración.

  Sensibilización e divulgación

O conselleiro remarcou a importancia do traballo a prol dunha conciencia solidaria favorable aos distintos xeitos de doazón e ao transplante nos diferentes niveis educativos, sendo este labor especialmente importante para a doazón de medula ósea no eido universitario.

Julio García Comesaña lembrou o esforzo que se está a facer desde a Coordinación Autonómica de Transplantes de ADOS para fomentar a información e sensibilización do colectivo universitario a prol da doazón de medula ósea, eido no que se circunscribe esta sexta edición do Concurso de Curtametraxes.

 Positiva evolución
O titular da carteira sanitaria quixo salientar a recente conmemoración do Día Mundial do Doante de Medula Ósea, lembrando que  ADOS é centro de referencia en Galicia para a tipaxe destes doantes no REDMO (Rexistro Español de Doantes de Médula Ósea) desde hai máis de dúas décadas e, na actualidade, 13.054 galegos e galegos figuran neste rexistro como doadores e doadoras dispoñibles.
 
Neste sentido, o conselleiro de Sanidade puxo en valor a positiva evolución no número de doantes inscritos por Galicia no REDMO ao longo do presente ano e que xa está a piques de superar a cifra dos 799 doantes inscritos ao longo do pasado ano.
 
Premiados
Nesta sexta edición do Concurso Universitario de Curtametraxes relacionado coa doazón e o transplante de medula ósea, acadou o primeiro premio o traballo “Usa o teu poder”, realizado polo alumno da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, David Hortas García.
 
Polo que se refire ao segundo premio, recaeu na curtametraxe “O camiño dunha doazón de medula ósea”, realizado pola estudante da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, Zaida López Estévez, mentres que o terceiro premio foi para o traballo “Doar e salvar todo é empezar”, presentado pola alumna da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de A Coruña, Alexia Mariño Beiro.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss