A XUNTA DÁ LUZ VERDE Á CONTRATACIÓN DAS OBRAS DE REFORMA DA UCI DO HOSPITAL UNIVERSITARIO DE OURENSE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
23 09 2021
 

O Consello da Xunta autorizou esta mañá a o expediente de contratación do proxecto, execución e dirección facultativa da reforma da Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do Hospital Universitario de Ourense. O importe total desta licitación é de 9.441.868 euros e o prazo de execución establécese en 21 meses.

Con esta obra, o Hospital Universitario de Ourense renovará e triplicará o espazo actual da súa unidade de coidados intensivos, que ampliará as súas marxes dentro da cuarta planta do Edificio Cristal.

Levarase a cabo unha adaptación de espazos para a implantación de tres módulos da UCI cos seus correspondentes espazos asistenciais e administrativos de apoio. Con esta obra, adecúanse os requirimentos estruturais da UCI referidos á dimensión dos postos, á configuración dos espazos e á climatización e conservación, de xeito que permita a atención aos pacientes críticos con necesidades de ingreso, cumprindo tanto a normativa vixente como a específica relativa ao control da pandemia da COVID-19.

As obras presentan unha alta complexidade, porque se desenvolverán no mesmo núcleo do hospital, onde se sitúan as dúas unidades de críticos: UCI e reanimación. Estes dous servizos son os que precisamente se coordinaron e compartiron espazos para facer fronte á demanda asistencial durante a pandemia.

Para isto, foi preciso unha complexa reordenación dos espazos, tanto das unidades de críticos como do bloque cirúrxico, que deberon intercambiar áreas e trasladar parte da súa actividade. Á complexidade derivada da súa localización, engádese a da súa funcionalidade, para doentes críticos en xeral, incluíndo pacientes contaxiosos, sendo ademais das máis exixentes tecnicamente, xa que deberá dotarse dunha especial climatización, illada do resto do hospital, e actuar nas fachadas, intervindo en dúas edificacións neste momento separadas.

Investimento na sanidade pública de Ourense

Esta iniciativa forma parte dun ambicioso proxecto de futuro para a sanidade pública ourensá, anunciado o pasado 2 de xullo polo presidente da Xunta de Galicia, que prevé investimentos por valor de 120 millóns de euros, tanto no eido hospitalario como no de primaria.

Este proxecto xa tivo o seu primeiro cumprimento coa licitación, nesa mesma data, dunha obra de 52,6 millóns no Hospital Universitario, consistente nun novo edificio de hospitalización e da reforma do hospital materno-infantil e, posteriormente, coa licitación a finais de xullo do proxecto arquitectónico que permitirá converter o Centro de Saúde Novoa Santos no primeiro Centro Integral de Saúde da provincia grazas a un investimento que se achegará aos 9 millóns de euros e que permitirá a súa reforma integral. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde