O
xerente do Servizo Galego de Saúde, José
Flores Arias, presentou no Hospital Universitario de
Ourense, o proxecto europeo Life Resystal –Climate change
REsilience framework for health SYStems and hospiTALs-, que sentará
as bases dunha estratexia para a adaptación climática do
sector sanitario europeo.
O
Sergas, a través da pilotaxe que se desenvolverá nos
tres hospitais públicos de Ourense, é o único servizo de saúde de España que participa, e un dos dous europeos xunto co frances, o que
afianza o posicionamento de Galicia como referente
internacional en políticas comprometidas co medio ambiente. Durante
os catro anos de duración do Life Resystal, os participantes teñen
por obxectivo desenvolver, demostrar, avaliar e difundir un marco
para promover a resiliencia ao clima e aos retos que o cambio
climático supón a todos os niveis.
No
Hospital Universitario de Ourense e nos públicos de Verín e Valdeorras, faranse intervencións de cara a mellorar a
resiliencia das súas instalacións como, por exemplo, mediante
corredores e paredes verdes, a repoboación e a plantación de
árbores ou sistemas de aproveitamento de pluviais. O proxecto dará
como resultado unha serie ferramentas que mellorarán a adaptación
das infraestruturas. Tal e como apuntou José Flores, o obxectivo é
que, en 2025, se poida trasladar en forma de estratexia a experiencia
de Ourense a todas as infraestruturas sanitarias galegas.
O
xerente do Sergas subliñou que Life Resystal non é un proxecto
europeo máis, xa que vai supoñer un antes e un despois “para o
Hospital Universitario de Ourense, para o sistema sanitario público
galego e para as políticas medio ambientais europeas a desenvolver
nos vindeiros anos”, dixo. Marcará –engadiu- a futura folla de
ruta para os demais sistemas de saúde europeos.
Financiamento
e liña estratéxica europea
O
programa LIFE é o programa de financiamento europeo para o medio
ambiente e a acción climática 2014-21. Neste marco, o proxecto Life
Resystal recibiu unha subvención do subprograma Clima (na área
prioritaria de adaptación ao cambio climático e na área política
de resiliencia de infraestruturas) e conta cun orzamento total de
5.320.722 euros (55% de financiamento comunitario), sendo o Sergas o
socio con maior orzamento: 1.032.293 euros.
Axenda
2030 de acción polo clima
Ao
acto de presentación asistiron e participaron ademais do xerente do
Sergas, o responsable e a directora de Recursos Económicos da Área
Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial e
Cristina Enjamio; a directora
xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático,
Sagrario Pérez; a directora de Galaria Empresa Pública de Servizos
Sanitarios, Rocío Mosquera; e o delegado territorial da Xunta de
Galicia, Gabriel Alén.
Este
acto forma parte das accións de difusión en relación ao obxectivo
9 da Axenda 2030 (acción polo clima), ao igual que as actuacións
coas que a Xunta de Galicia participa de xeito activo na Semana
Global de Acción polos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable
#Act4SDGs. O Goberno galego participa nesta campaña cunha ducia de
iniciativas de difusión e concienciación en relación a
sustentabilidade. Todas elas poden ser consultadas no mapa global de
Act4SDGs o no perfil da Xunta de Galicia.
Intensa
participación galega en proxecto europeos
A
nivel europeo, o Servizo Galego de Saúde é xa un referente na loita
contra o cambio climático. Neste percorrido responsable, o Sergas
leva máis de dez anos inmerso nun proceso de transformación cara a
un sistema sanitario sostible e resiliente, poñendo en marcha
iniciativas innovadoras que promoven a sustentabilidade.
Así,
no 2019, o Sergas introduciu a Economía circular como modelo de
xestión, co fin de desenvolver un marco de actuación co que reducir
o impacto no medio ambiente o máximo posible, e que se engloba no
plan de actuación mundial iniciado, en 2015, coa Axenda 2030 que
coordina Nacións Unidas. Asemade, desde hai dous anos, o Sergas
forma parte da rede global “Green
and Healthy Hospitals e Health Care Without Harm”
e, o pasado decembro, coincidindo co quinto aniversario do desafío
climático, do acordo de París e da posta en marcha da Axenda 2030,
o Sergas foi galardoado con dous premios de ouro en liderado e
resiliencia climática na atención sanitaria.
O
xerente do Sergas, José Flores, destacou o convencemento de que o
sistema sanitario galego está no
camiño correcto, que continúa, este ano 2021, coa adhesión ao
proxecto europeo Race to Zero das Nacións Unidas que busca reducir,
en dez anos, as emisións de carbono un 60% de todas as súas
instalacións sanitarias. Así mesmo, desde o pasado mes de xullo é
socio oficial da New European Bauhaus.