Un total de 881 aspirantes acudiron hoxe ao Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda, ás probas selectivas da oferta pública de emprego do Servizo Galego de Saúde, iniciadas o 18 de setembro. O número de persoas que se presentaron supón unha participación no día de hoxe do 84,55% (1.042 convocados).
Este sábado estaban convocados os aspirantes a cubrir 286 prazas de facultativo especialista de área das especialidades de anestesioloxía e reanimación; aparello dixestivo; cardioloxía; cirurxía ortopédica e traumatoloxía; farmacia hospitalaria; medicina preventiva e saúde pública; nefroloxía; neuroloxía e psiquiatría.
En anestesioloxía e reanimación presentáronse 174 aspirantes de 211 admitidos (82,46%); en aparello dixestivo presentáronse 84 dos 96 admitidos (87,50%); en cardioloxía 102 dos 117 (87,18%); cirurxía ortopédica e traumatoloxía 112 dos 128 (87,50%); farmacia hospitalaria 146 dos 178 (82,02%); medicina preventiva e saúde pública 28 dos 37 (75,68%); nefroloxía 46 dos 50 (92%); neuroloxía 80 dos 92 (86,96%), e psiquiatría 109 dos 133 (81,95).
Como en anteriores procesos selectivos, para dar cumprimento ás esixencias de obxectividade e imparcialidade na selección das persoas aspirantes, reforzáronse as medidas de seguridade coa posta a disposición dos tribunais de selección dunha plataforma securizada para a elaboración de cada un dos exercicios da fase de oposición, garantindo deste xeito o seguimento de todo o proceso, así como a selección aleatoria e automatizada das preguntas do exame.