Un total de 650 aspirantes acudiron hoxe ao Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda, ás probas selectivas da oferta pública de emprego do Servizo Galego de Saúde, iniciadas o 18 de setembro. O número de persoas que se presentaron supón unha participación no día de hoxe do 74,71% (870 convocados).
Este domingo estaban convocados 870 aspirantes das categorías de facultativo especialista de área de cirurxía torácica, microbioloxía e parasitoloxía, pediatría e as súas áreas específicas, radiofísica hospitalaria, médico asistencial do 061 e técnico superior de anatomía patolóxica e citoloxía, para cubrir 114 prazas. Delas, 63 corresponden a facultativo de área (329 aspirantes), 10 a médico asistencial do 061 (109 aspirantes) e 41 de técnico superior de anatomía patolóxica e citoloxía (432 admitidos).
Na categoría de Facultativo especialista de cirurxía torácica presentáronse 8 aspirantes dos 10 admitidos (80%); en microbioloxía e parasitoloxía acudiron 58 do 80 admitidos (72,50%); en pediatría e as súas áreas específicas 152 de 202 (75,25%); en radiofísica hospitalaria 23 de 37 (62,16%); médico asistencial do 061 presentáronse 81 de 109 (74,31%); e na de técnico superior de anatomía patolóxica 328 de 432 (75,93%).
Como en anteriores procesos selectivos, para dar cumprimento ás esixencias de obxectividade e imparcialidade na selección das persoas aspirantes, reforzáronse as medidas de seguridade coa posta a disposición dos tribunais de selección dunha plataforma securizada para a elaboración de cada un dos exercicios da fase de oposición, garantindo deste xeito o seguimento de todo o proceso, así como a selección aleatoria e automatizada das preguntas do exame.