O CONSELLEIRO DE SANIDADE ANIMA Á CIDADANÍA QUE AÍNDA NON SE VACINOU A QUE FAGAN USO DOS 15 PUNTOS DE VACINACIÓN LIBRE ABERTOS ATA O DÍA 30
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
27 09 2021

​O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, asistiu hoxe pola mañá, no Hospital Álvaro Cunqueiro da cidade olívica, a un acto enmarcado na campaña de concienciación da importancia da vacinación dende o deporte galego, e que contou coa presenza de varios deportistas que compiten na nosa comunidade en diversas disciplinas.

Algún destes deportistas presentes, que se incorporaron recentemente a Galicia e non estaban vacinados, o fixeron hoxe para, deste xeito, servir de espello aos cidadáns que aínda non o fixeron. Ao acto, tamén asistiu a delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias.

O titular da carteira sanitaria destacou que a Xunta de Galicia ten abertos, ata o día 30, de maneira ininterrompida 15 puntos de vacinación onde é posible acudir sen cita para seren vacinado, posibilitando unha enorme accesibilidade á vacinación para que ningún galego ou galega quede sen vacinar. Tamén subliñou que a vacinación con cita a través de wassap (981 21 59 30), xa leva tramitadas nun par de días 600 solicitudes.

O conselleiro agradeceu á Secretaría Xeral para o Deporte e ás asociacións de deportistas e os clubs hoxe presentes no acto no Hospital Álvaro Cunqueiro, a súa colaboración e esforzo para fomentar que as persoas que aínda non se vacinaron o fagan.

Remarcou, así mesmo, que Galicia está nos mellores niveis de vacinación de todo o Estado, cun 93,5% de porcentaxe de poboación vacinada cunha dose e no 91,5% con dúas doses, subliñando que, esta fin de semana, puxéronse máis de 7.200 vacinas, das que 3.200 foron primeiras doses, 2.700 segundas e 1.300 terceiras doses en residencias.

Pola súa parte, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, nas súas verbas, destacou os valores do deporte e o seu compromiso coa sociedade, asegurando que "coa vacinación non só nos protexemos a nós mesmos, senón que tamén é unha cuestión de responsabilidade para con todos, con toda a sociedade e de solidariedade. Só entre todos podemos parar a extensión da enfermidade". Do mesmo xeito lembrou que o deporte galego é seguro como o vén demostrando ao longo da pandemia con protocolos adaptados a todas as modalidades e un comportamento exemplar de clubs e deportistas dando un exemplo de "adaptación e fortaleza".

No acto de vacinación realizado no Hospital Álvaro Cunqueiro, participaron catro xogadores do Balonmán Cangas e o seu adestrador, tres xogadoras do Atlético Guardés e unha xogadora do Balonmán Porriño. Nalgún caso, tratábase das segundas doses. Acompañaron tamén deportistas e directivos xa vacinados do Celta Baloncesto, Club AMFIV, Vigo Voleibol, Coruxo FC. Entre os asistentes tamén estaban os deportistas paralímpicos Chano Rodríguez e Agustín Alejos, así como o piloto mundialista de motocross, Rubén Fernández.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss