LUZ COUCE, NOVA DIRECTORA CIENTÍFICA DO INSTITUTO DE INVESTIGACIÓN SANITARIA DE SANTIAGO (IDIS)
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
28 09 2021

Santiago de Compostela, luns 27 de setembro de 2021.- O consello reitor do IDIS aprobou esta mañá o nomeamento de Luz Couce como directora científica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela.

 A pediatra Luz Couce é lider do grupo de Investigación de Enfermidades Metabólicas do IDIS, xefa do servizo de Neonatoloxía da Área Sanitaria de Santiago de Compostela, profesora titular da USC e responsable da Unidade de Enfermidades Metabólicas Conxénitas, designada Centro de Referencia Europea pola Comisión Europea e Centro nacional de Referencia (CSUR) polo Ministerio de Sanidade.

Os membros do consello reitor agradeceron expresamente o labor desenvolvido por José Castillo, director científico do IDIS desde o ano 2011. E destacaron o incremento de case un 300% na captación de recursos anuais para a investigación, pasando do pouco máis de 8 millóns de euros anuais no 2011 a máis de 31 millóns no pasado ano 2020. Así como o incremento na produción científica en máis dun 155% e un 87% máis de proxectos captados.

O IDIS é un dos institutos de investigación sanitaria máis competitivos no ámbito nacional e de referencia absoluta en Galicia. Nos máis dez anos de andadura acreditada do principal polo de investigación biomédica público galego desenvolvéronse 687 proxectos de investigación e captáronse 216.344.110 € para, desde Compostela, contribuír á mellora da saúde da cidadanía e manter intacta a tradición sanitaria da capital galega.
 
Así, pesares das dificultades do pasado ano e da diminución nas convocatorias para investigación no eido xeral, os investigadores do IDIS captaron un total de  31.340.579 euros para o desenvolvemento de numerosas actividades. Acadaron 14.267.940€ para levar a cabo 88 proxectos de investigación competitivos, dos que 8 son internacionais, 56 nacionais e 24 galegos, e conseguíronse máis de 5 millóns de euros para a contratación de persoal (60 profesionais entre eles convocatorias nacionais tan competitivas como 2 Sara Borrel, 2 Ramón y Cajal, 2 Juan Rodés, 3 Miguel Servet, 7 Río Hortega ...).
 
Transcorridos dez anos desde a súa acreditación, o IDIS cuadriplicou o número de investigadores, pasando de 319 no 2010 a 1.347 no 2020, vencellados a 95 grupos diferentes que se atopan distribuídos en 6 áreas científicas (Oncoloxía, Xenética, Endocrinoloxía, Neurociencias, Metodoloxía e Inflamación).  O 66.5 % destes investigadores teñen adscrición directa ao Sergas e o 33.5% á USC. A captación de fondos para a contratación de investigadores grazas ás convocatorias directas de recursos humanos ascendeu a 5.196.899 euros, case dez mil euros máis que o pasado ano.
 
A produción científica tamén segue a experimentar un crecemento imparable, así no 2020 viron a luz 923 publicacións, tres veces máis que as conqueridas no 2010. Ao longo deste decenio os investigadores do IDIS publicaron case 6.400 traballos nas principais revistas científicas, acadando un factor impacto medio de 5.92 no pasado exercicio. A práctica totalidade destes estudos (550) publicáronse en revistas do primeiro quartil.
 
Tampouco cesou a actividade doutoral e se presentaron 67 teses doutorais presentadas no 2020, mentres que no ámbito da traslacionalidade solicitáronse 59 patentes  (45 delas de aplicación internacional) das que 18 xa foron concedidas. No marco das investigacións do IDIS  creáronse  5  spin off:  bflow; FlowReserve; QuBiotech; NasasBiotech; Dart e Lincbiotech, así como dúas marcas rexistradas: DiverSa e GalCovid.
 
Sobre o IDIS
O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) é un centro de investigación traslacional, de innovación e transferencia de coñecemento que favorece as sinerxías entre a Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, e a Universidade de Santiago, e ao que están vinculados 94 grupos e máis de 1.300 investigadores.
Naceu en 2008 para poñer en valor o coñecemento aplicado e situou a Galicia como referente internacional no campo da biomedicina. Foi o primeiro centro galego acreditado polo Instituto de Salud Carlos III en 2010 e renovou a súa acreditación nos anos 2015 e 2020.
 

 

Saúdos,

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss