A ÁREA SANITARIA DE FERROL CONTA CON APOIO PSICOSOCIAL PARA OS TRABALLADORES DENDE AS PRIMEIRAS SEMANAS DE PANDEMIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 09 2021

​A Área Sanitaria de Ferrol conta cun programa de apoio Psicosocial por mor da Covid para os traballadores e traballadoras dende as primeiras semanas de pandemia. "O propio Servizo de Saúde Mental do CHUF veu esa ferramenta como útil para os seus compañeiros e compañeiras”, remarcaba o xerente da Área, Ángel Facio Villanueva, durante a presentación da xornada "Saúde mental en tempos da covid", que tiña lugar esta mañá no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, e estaba destinado a tódolos traballadores e traballadoras. Este encontro forma parte dun ciclo de conferencias organizado polo Sergas onde profesionais dos servizos de saúde mental, coa colaboración do xornalista Sebastián Álvaro Lomba, imparten unha conferencia na que se abordan os retos e as estratexias para o autocoidado emocional.

 

 

Estas conferencias enmárcanse dentro do desenvolvemento do Plan de apoio e atención ó persoal da sanidade. Estaba presente en Ferrol a xefa de Servizo de Saúde Mental da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, María Tajes Alonso. O dito plan, posto en marcha en febreiro deste ano polo departamento sanitario galego, conta entre as súas liñas de actuación co fomento do autocoidado emocional do persoal e das habilidades de comunicación, así como o desenvolvemento dun programa de acompañamento ós profesionais desenvolto por profesionais da psicoloxía clínica e psiquiatría do Sergas.

 

 

 
Unha delas, a psicóloga Clínica da Área, Noelia Pita Fernández, abría a xornada explicando o programa de apoio psicosocial que se puxo en marcha en pleno confinamento, nos primeiros días de abril do 2020 por iniciativa do Servizo de Saúde Mental do CHUF. Contaron cun equipo de Psicóloga Clínica, Psiquiatra de interconsulta e enlace, e dous residentes que acudiron ós andares de hospitalización e elaboraron diversas liñas de traballo: atención psicolóxica para os familiares de persoas ingresadas e pacientes falecidos pola Covid, e para os profesionais. Habilitaron un teléfono e un enderezo electrónico para contactar, que hoxe segue vixente. Xa se beneficiaron deste programa unha trintena de profesionais da Área Sanitaria de Ferrol, dende o seu inicio en abril do 2020.

 

 

 
Os e as profesionais manifestaron que "un dos temas máis relevantes para levar a  a cabo o seu labor asistencial foi o do acompañamento na enfermidade e na morte”, e agradeceron o esforzo enorme de todos os e as profesionais sanitarios e non sanitarios. Neste agradecemento coincidiron tódolos presentes na mesa: o xerente da Área, Ángel Facio, "grazas por un traballo, o do persoal da sanidade, que estades sempre aí”; do director de Recursos Humanos da Área ferrolá, Francisco Martínez, "todo o meu recoñecemento e agradecemento”; e do propio invitado, o xornalista Sebastián Álvaro, quen rematou a súa conferencia cun "grazas de corazón”, "tedes sido o baluarte da sociedade”.

 

 

 
Sebastián Álvaro realizou a súa intervención, Ninguén nos dixo que fora imposible. Este aventureiro, xornalista e conferenciante dirixiu máis de 300 expedicións que teñen sido narradas en documentais (Al filo de lo imposible, TVE), libros, conferencias e artigos. Recibiu polo seu traballo tres medallas ao mérito militar e o Premio Nacional do Deporte.

 

 

 
Sebastián Álvaro fixo un paralelismo entre a situación da pandemia e as grandes expedicións e a resolución dos momentos de crise. Apelou á "capacidade de traballo en equipo do xénero humano”; a "aprender dos erros” como motor de mellora; e da xestión do medo e do risco coa combinación da intelixencia e a valentía nos momentos difíciles, e, sobre todo, de aproveitar a experiencia. Os conceptos de liderado, lealdade, resistencia e optimismo tamén estiveron presentes na súa conferencia, acompañada de imaxes de viaxes e sitios recónditos do planeta. Ata rematar: "É nos momentos duros onde se ve as persoas, e o sistema sanitario é o mellor”.

 

 

Saúdos de Comunicación da ÁREA SANITARIA DE FERROL do SERGAS.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss