O SERVIZO DE MICROBIOLOXÍA DA ÁREA SANITARIA DE FERROL TRASLÁDASE DO HOSPITAL ARQUITECTO MARCIDE Ó HOSPITAL NAVAL NO MARCO DO PLAN DIRECTOR
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
01 10 2021
​O Servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol comeza hoxe o seu traslado dende o Hospital Arquitecto Marcide ó andar segundo do Hospital Naval, onde contará con instalacións totalmente renovadas e que amplían considerablemente os espazos para traballar no ámbito deste Servizo Central. O traslado comeza hoxe e prolongarase durante a fin de semana. Esta previsto que o Servizo estea totalmente operativo no novo emprazamento no Hospital Naval o vindeiro luns 4 de outubro.
 
"Este traslado é posible grazas á colaboración de moitas persoas, dende mantemento, informática, servizos xerais ou subministracións, ata os propios traballadores e traballadoras do Servizo”, explica Andrés Agulla Budiño, o seu responsable. "A actividade non cesará durante o traslado xa que queda unha sección de Atención Continuada. Hai garantía de atención urxente do diagnóstico das infeccións, en xeral, e da Covid, en particular”. Este departamento pasa de 360 metros cadrados a 604 nunha infraestrutura totalmente renovada. "É un espazo provisional pero as instalacións son excelentes. Mellórase o espazo e o entorno de traballo; está todo máis cohesionado”, engade.
 
Servizo de Microbioloxía
Microbioloxía é un servizo da Área que se dedica fundamentalmente ó seguimento e tratamento de mostras para o diagnóstico de enfermidades infecciosas, a través do cultivo de bacterias en, entre outros, ouriños, feces, sangue ou feridas. Ocúpase tamén do control das resistencias ós antibióticos; dos estudos virolóxicos como probas relativas á Infección por VIH, a hepatite, o papiloma virus, a gripe, ou actualmente a Covid; ten un espazo específico para análise da tuberculose. A área conta cun circuíto establecido e protocolizado na mobilidade e traslado destas mostras, que agora continuará a se trazar no novo emprazamento.
 
Neste laboratorio desenvolven a súa actividade laboral de xeito específico un total de  32 profesionais entre facultativos, técnicos de laboratorio, profesionais de Enfermaría, e  auxiliares administrativas; e comparte algún dos profesionais, como os celadores, co laboratorio central. Lembrar, ademais, que o Servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol vén de ser acreditado para a docencia en xullo, o que implicará que a partir do ano que vén, os residentes poderán optar por este centro en Galicia. Esta acreditación implica responder a un estándares determinados, e hai que sumalos, a maiores, ós estándares no ámbito de Calidade deste Servizo, xa que está certificado pola Norma ISO dende o ano 2012.

 
 

Este Servizo ampliábase no mes de abril do pasado ano para acoller un espazo dedicado exclusivamente á Bioloxía Molecular, departamento deste laboratorio que é o que se está a encargar da xestión de probas relacionadas co coronavirus Covid-19. Neste departamento de Bioloxía Molecular xa se facían de xeito ordinario outro tipo de probas para patoloxías como Hepatite C, VIH ou o Virus do Papiloma Humano, por exemplo, pero, neste contexto de infección por coronavirus, a actividade creceu. Habilitouse un espazo, con mesados, compráronse equipos de centrifugado, frigorífico, baño termostático e axitador; incorporáronse cabinas de fluxo laminar que se sumaban á que xa había no laboratorio, e que estarán tamén no novo espazo no Hospital Naval.
 
Destacar a activación do  funcionamento do Servizo de  Microbioloxía as 24 horas do día, os 7 días da semana, dende o pasado 2 de novembro; e o seu volume de probas xa que que, só nos meses deste ano ata agosto, atendéronse un total de 153.511 peticións a este Servizo en termos xerais. E, no ámbito da Covid, realizáronse máis de 183.251 probas só de PCR.
 
Plan Director do CHUF
Este traslado é outro dos chanzos clave no desenvolvemento da Fase I do Plan Director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol para liberar espazos no Hospital Arquitecto Marcide que permitan o desenvolvemento dos novos edificios, nos que se continúa a traballar. O primeiro dos traslados era o do Servizo de Anatomía Patolóxica, que continuou coa Lavandería, as consultas de Pediatría, e tamén diversos servizos ó edificio de Mariñeiría, como Servizos Xerais ou Informática entre outros. Os seguintes pasos foron os traslados da Cociña, a Farmacia e o Hospital de Día Oncohematolóxico.
 
No Hospital Arquitecto Marcide do Complexo continúase a traballar no Servizo de Radioloxía e nos dous novos edificios. O Plan Director contempla un investimento total de 131 millóns de euros da Xunta de Galicia, que permitirán ampliar, nunha primeira fase, a superficie hospitalaria un 54%. Nesta I Fase das obras o investimento é de 58 millóns de euros.
 
Por outra banda, neste mesmo mes, a Xunta licitaba por preto de 910.000 euros as obras de urbanización da primeira fase do Plan Director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Prevese iniciar estas obras no primeiro trimestre do vindeiro ano co obxectivo de dotar de acceso viario ó exterior da planta soto -2 proxectada na reforma do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.
 

Saúdos de Comunicación da ÁREA SANITARIA DE FERROL do SERGAS.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss