A VACINACIÓN FRONTE AO CORONAVIRUS DESPÍDESE HOXE DA CIDADE DA CULTURA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
30 09 2021

Santiago, 30 de setembro de 2021.-  A vacinación masiva contra o coronavirus na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela  rematou esta mañá tras administrar máis de 482.000 doses dende que comezou a campaña o 11 de marzo. A partir de agora os puntos de vacinación serán os hospitais de referencia da Área Sanitaria (Clínico e Barbanza).

 
Para elo foi necesario mobilizar 500 profesionais da área, a meirande parte pertencentes ao cadro de persoal de enfermaría (o máis numeroso -317 profesionais- e sobre o que recaeu o maior peso), pero tamén TCAES, persoal administrativo, de informática, de seguridade e de mantemento.
 
A xerente da área compostelá, Eloína Núñez Masid, acompañada por unha representación do equipo directivo da xerencia, agradeceulle hoxe a entrega e bo facer a todo o persoal implicado, nun acto celebrado na Cidade da Cultura. Alí tamén  recoñeceu a colaboración dos voluntarios de protección civil e da cruz vermella, e dos membros das forzas de seguridade e, por suposto, a actuación exemplar da cidadanía.
 
Ao este xornada tamén asistiron  o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores e a directora de Saúde Pública, Carmen Durán, o director de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal e o secretario da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes.
 
A Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza vacinou á primeira persoa de Galicia o 27 de decembro do 2020, na Residencia Sociosanitaria compostelá Porta do Camiño, e tamén levou a cabo o piloto de vacinación en Centros de Saúde a persoas maiores de 80 anos (19 de febreiro de 2021), e a pilotaxe  de toda Galicia, de terceiras doses nas Residencias Sociosanitarias o pasado martes 21de setembro.
 
A vacinación masiva tamén se iniciou en Compostela de forma piloto para Galicia na Cidade da Cultura o día 11 de marzo con 16 postos de vacinación e 1.000 persoas convocadas.
 
O 4 de maio activáronse un total de 34 postos para o que foron precisas, os días de pleno rendemento, 84 enfermeiras, 8 auxiliares, 2 informáticos, 3 administrativos, e 2 persoas de seguridade, amais de contar co apoio de Protección Civil e da Cruz Vermella.
 
O mes que máis doses se administraron no Gaiás foi xuño, con 121.457, seguido de xullo con 106.832. O día 16 de xullo foi  cando máis persoas foron vacinados: en total 10.773 doses.  
 
 
Saúdos,

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss