SANIDADE POTENCIA O LIDERADO DOS XEFES E COORDINADORES DOS CENTROS DE SAÚDE A TRAVÉS DUNHA FORMACIÓN ESPECÍFICA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
06 10 2021

 
A Consellería de Sanidade, en colaboración co Servizo Galego de Saúde e a Axencia de Coñecementos en Saúde (ACIS), ven de pór en marcha unha intensa acción formativa que ten por obxectivo potenciar o liderado dos Xefes de Servizo e Coordinadores de Enfermería dos centros de saúde de Galicia.
 
A planificación desta formación, que se estenderá até finais de ano, responde á necesidade de optimizar a profesionalización do persoal que asume postos de responsabilidade, para así garantir unha xestión máis efectiva, segura e eficiente dos recursos asistenciais no ámbito da atención primaria.
 
Nesta edición inicial formaranse máis de 50 profesionais. Unha cifra que se incrementará, de xeito anual, ao estar prevista a continuidade do curso formativo.
 
Baixo o título “Liderado e xestión asistencial en atención primaria”, o seu programa desenvolverase en dúas partes. Inicialmente realizarase unha formación en liña sobre determinados aspectos relacionados coa xestión dos servizos sanitarios para, de seguido, abordar diferentes sesións de formación presencial sobre o liderado na xestión de equipos e a importancia da comunicación para a xestión emocional dos profesionais.
 
O deseño e organización desta actividade formativa responde ao recollido no “Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021” e na estratexia “Por unha atención primaria vertebradora do sistema de saúde”, xa que o desenvolvemento das accións contempladas en ambos documentos estratéxicos, requiren dunha intervención profesionalizada por parte dos xefes e coordinadores dos servizos de atención primara, co ánimo de garantir unha axeitada implantación do novo modelo nos centros de saúde.
 
A Administración sanitaria galega está decidida a impulsar a formación directiva que desenvolva as capacidades dos responsables nos postos que ocupen, como garante dunha boa xestión dos recursos públicos. Neste senso, as habilidades na xestión de equipos son un elemento clave para mellorar a organización do nivel asistencial máis próximo á cidadanía.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss