O SERVIZO DE DIXESTIVO DE OURENSE DESENVOLVE TRES PROXECTOS DE INVESTIGACIÓN DE ALTO IMPACTO CON FINANCIACIÓN FIS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 10 2021

Tres proxectos de investigación nos que participa o Servizo de Dixestivo da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras veñen de recibir sendas bolsas FIS, o prestixioso Fondo de Investigación en Saúde do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) que, ademáis de financiación representan unha garantía de rigor e calidade da investigación, polo que ano tras ano recaen nas institucións sanitarias máis prestixiosas do estado.


Joaquín Cubiella, Pablo Vega e Sara Zarraquiños, especialistas do servizo con recoñecido perfil investigador, son os responsables principais do desenvolvemento en Ourense destes tres estudos que investigaran aspectos relacionados co cancro colorectal, o cancro gástrico e as súas lesións preneoplásicas e as enfermidades inflamatorias intestinais.


Cada vez mais pacientes a seguemento: ¿Colonoscopia ou Test?

En concreto, Joaquín Cubiella dirixe “Polyprev” ensaio clínico de ámbito poboacional que pretende avaliar cal é o método de control mais eficaz para a vixilancia periódica dos pacientes do cribado poboacional aos que se detectaron e extraeron pólipos colorrectais avanzados, é dicir con risco de malignidade.


Na actualidade, para o seguemento da evolución destes pacientes, prográmase unha colonoscopia periódica, o que xera un volume asistencial crecente -moi especialmente nas comunidades con programa de cribado- ao ter cada vez un maior número de pacientes en vixilancia. Sendo 1 de cada 4 colonoscopias de control.


Ao longo dos próximos dez anos, este estudio tentará demostrar que a realización anual dun test de sangue oculta en feces é igual de efectiva que a vixilancia con colonoscopias, co que se evitarían multitude de probas reducindo tamén riscos e molestias para os pacientes. Non menos importante, este seguemento no tempo permitirá coñecer mellor aos pacientes.


Segundo explicou Joaquín Cubiella “nos próximos tres anos, analizaremos o efecto da actividade física e o estilo de vida na detección de pólipos avanzados en 3.800 pacientes, que se incluirán no estudio nos vindeiros dous anos, e realizaremos un estudo que avaliará os valores e preferencias dos pacientes respecto a vixilancia endoscópica e as súas alternativas” -dixo– “co que os resultados do estudo serán extremadamente relevantes” subliñou.


Un ambicioso rexistro nacional do cancro gástrico

Sara Zarraquiños é a responsable en Ourense dun ambicioso proxecto, liderado pola investigadora de orixe galego Leticia Moreira, do Servizo de Gastroenteroloxía do Hospital Clínic de Barcelona, e que pode supoñer un revulsivo no manexo do cancro gástrico no noso país. Con menos incidencia que o colorectal -100 novos casos ao ano na nosa Área Sanitaria- ten lamentablemente unha elevada mortalidade, derivada da súa detección tardía, ao non existir na actualidade programas de cribado ou fórmulas eficaces para o seu diagnóstico precoz.


O EpiGASTRIC/EDGAR permitirá crear o primeiro rexistro nacional de pacientes con cancro gástrico e lesións preneoplásicas gástricas (ou de inicio do cancro). O seu obxectivo é estudar a prevalencia destas lesións no noso país, así como investigar os factores de risco xenético e ambiental, que poidan estar implicados non seu desenvolvemento.


O proxecto será o punto de partida para afondar no coñecemento desta grave patoloxía oncolóxica, na procura da súa detección precoz e a redución da mortalidade. Para elo, segundo explicou Sara Zarraquiños, desde o próximo mes de novembro convidarán a participar a pacientes que se vaian a realizar unha gastroscopia. O obxectivo é seleccionar dous grupos: un de pacientes con cancro gástrico, ou lesións previas, e outro, de control, con persoas sen patoloxía gástrica.


Sara Zarraquiños explicou que grazas a participación dos pacientes de Ourense, xunto aos do resto de país, os investigadores recopilarán información de gran utilidade clínica, tanto mediante o coñecemento dos seus antecedentes familiares ou persoais, como a través da recollida de mostras biolóxicas (sangue, superficie lingual e/ou zume gástrico aproveitando a realización da gastroscopia). Para a Dra. Zarraquiños “a identificación de factores de risco clínicos ou biolóxicos axudaranos a mellorar a estratexia para a prevención e diagnóstico precoz dás lesións gástricas” e destacou que podería ser clave para dispoñer de “biomarcadores e detectar lesións incipientes”.


Trasplantar as bacterias que manteñen san o intestino

A terceira liña de investigación, con referendo FIS, do Servizo de Dixestivo da Área de Ourense, entronca cun dos procedementos, nos que este servizo é referente a nivel galego, e un dos doce do estado con experiencia no trasplante de microbiota fecal, para o tratamento das enfermidades inflamatorias intestinais e da “Clostridium difficile”, bacteria que pode causar diarrea e afeccións serias.


O ensaio multicéntrico, randomizado, dobre cego e comparado con placebo, ten por obxectivo avaliar a eficacia do transplante de microbiota fecal, para chegar ou manter a remisión dos brotes ou síntomas da colite úlcerosa en con afectación de leve a moderada.


Neste proxecto, liderado pola ourensá Begoña González Suarez, do Servizo de Gastroenteroloxía do Hospital Clinic de Barcelona, participarán 130 pacientes con colite ulcerosa moderada, ao redor de dez en Ourense, que se seleccionarán no primeiro trimestre de 2022.


A microbiota intestinal, ou flora bacteriana, defínese como o conxunto de microorganismos que habitan de forma natural no tubo dixestivo. Bacterias, fungos e virus que contribúen a saúde intestinal, e cuxa alteración ou deterioro se trata de restablecer mediante o trasplante, que neste estudo se realizará mediante administración oral, en cápsulas de multidonantes de feces, tras un procesado que garante a seguridade e as axeitadas condicións organolepticas.


Para o seu responsable en Ourense, Pablo Vega, “trátase dunha vía que pretende explorar unha nova diana terapéutica nunha enfermidade complexa e multifactorial, como é a colitis ulcerosa, onde a alteración da flora microbiana parece xogar un papel fundamental” xa que, engadíu, a microbiota intervén de forma activa na axeitada resposta inmune do intestino ante un patóxeno, e “a súa desregulación relacionouse con múltiples enfermidades de natureza infecciosa, metabólica e autoinmunitaria” dixo.


Na rolda de prensa, asistiron xunto aos tres investigadores principais, o xefe de servizo de Aparello Dixestivo, Eloy Sánchez, e o xerente da Área Sanitaria, Félix Rubial, ambos coincidiron ao destacar o "músculo investigador" deste servizo que vai da man do seu prestixio a nivel nacional en aspectos asistenciais, de acreditación de calidade e seguridade do paciente.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde