O SERGAS E A ASOCIACIÓN ESPAÑOLA CONTRA O CANCRO RENOVAN O SEU CONVENIO DE COLABORACIÓN CON LOGOPEDIA E COIDADOS PALIATIVOS COMO NOVIDADE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
15 10 2021

​O Servizo Galego de Saúde e a Asociación Española contra o Cancro asinaban esta mañá un convenio de colaboración a través do que se regulan as diversas actividades desta Asociación no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Son dúas as novidades na colaboración que estas institucións manteñen xa dende o anterior convenio no ano 2018: a primeira delas "a atención de Logopedia para pacientes con cancro de cabeza e pescozo, na atención á disfaxia, disglosia, disfonía e voz alarínxea secundarias á cirurxía e ó tratamento quimioterápico a pacientes con cancro de cabeza e pescozo dos Servizos de Otorrinolaringoloxía e Oncoloxía Médico que de xeito voluntario queiran ser beneficiarios deste servizo”.

 
Outra das  novidades é a colaboración coa Unidade de Coidados Paliativos coa fin de incrementar a calidade da atención a estes pacientes. Por outra banda, continúan os programas de apoio e acompañamento e de voluntariado que xa existían fundamentalmente no Hospital de Día de Oncohematolóxico, onde esta Asociación ten o seu espazo para o desenvolvemento destas actividades.

 
Así, reuníanse esta mañá no Hospital Arquitecto Marcide a presidenta da Xunta Local de Ferrol da Asociación Española contra o Cancro, Isabel Estevan Serrano; e o responsable da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio Villanueva, e materializaban a sinatura deste convenio co propósito de instrumentar unha acción coordinada. É a base para unha serie de accións que se irán activando en vindeiras datas, e, no caso das actividades de voluntariado, segundo a pandemia o vaia permitindo.


Intensificar a colaboración en beneficio do paciente

 
O programa ten por obxecto "facilitar de maneira inmediata a información necesaria dos recursos existentes para a atención ó paciente recentemente diagnosticado de cancro e ós seus familiares e en relación á situación da súa enfermidade”. Identifícanse as necesidades tanto do enfermo como do familiar unha vez diagnosticado; e, xunto con isto, avalíase o grao de malestar que presentan ámbalas dúas partes tras recibir o diagnóstico, favorecendo o acceso ós diversos servizos que sexan máis axeitados, e que se axusten ás súas necesidades.

 
Este convenio, tal e como se reflicte nel, concrétase no "acompañamento de voluntariado da Asociación ó paciente oncolóxico” da área sanitaria ferrolá; "facilitar apoio ó coidador primario”; e en proporcionar actividades de animación, facilitando a comunicación, a expresión das emocións e a accesibilidade necesaria. A Área Sanitaria  de Ferrol "sensible ós fenómenos que poidan redundar nunha maior cohesión social,” e tendo como obxectivo o fomento do voluntariado, recoñecen o importante papel desta asociación, e é consciente da necesidade de promover e coordinar actividades deste tipo coa rede asociativa da comarca.

 
Concreción do convenio

Os e as profesionais dos Servizos e unidades implicadas do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol terán contacto no seu día a día con esta Asociación, e manterán comunicación con estes voluntarios asignados para este programa para a concreción das accións no marco do mesmo. A Asociación Española contra o Cancro, tal e como se recolle tamén no texto do convenio, ten coma fin "loitar contra o cancro en tódalas posibles modalidades coñecidas, mediante actividades de divulgación, prevención, de información, e de carácter sanitario ou asistencial”.
 
A Asociación, pola súa banda, comprométese a achegar un profesional de coordinación do Voluntariado necesario para a correcta atención; ter unha identificación clara e inequívoca de ser persoal voluntario; e realizar as actividades de mañá no horario consensuado cos profesionais que se estime máis oportuno. Pola súa banda, o centro hospitalario facilitará un espazo físico para emprego destes voluntarios, que se empraza no Hospital de Día Oncolóxico, para realizar esas actividades e facilitar a difusión do programa nos lugares visibles para o usuario.

 
No encontro desta mañá estaban tamén o subdirector de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía, Juan Manuel González Lorenzo; a vicepresidenta da Xunta Local de Ferrol da Asociación Española contar o Cancro, Mabel Sanesteban e a integrante da Asociación, e Ana Eyaralar.


Saúdos de Comunicación da ÁREA SANITARIA DE FERROL do SERGAS.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde