OS SETE SERVIZOS DA ÁREA CERTIFICADOS EN CALIDADE RENOVAN AS SÚAS CERTIFICACIÓNS E SÚMASE HEMODIÁLISE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
16 10 2021

​Os servizos da Área Sanitaria de Ferrol certificados no Sistema de Xestión de Calidade -Lavandería, Farmacia, Análises Clínicas, Subministracións, Microbioloxía, Admisión e Documentación Clínica e Formación- renovan as súas certificacións pola norma UNE EN ISO 9001:2015 tras superar as correspondentes auditorías externas. Como novidade, súmase a Área de Hemodiálise, que certifica a súa calidade tanto coa norma ISO 9001 como coa UNE 179003:2013, específica do ámbito sanitario e na que se aborda a xestión dos riscos e da seguridade dos pacientes. Actualmente é a única Área de Hemodiálise certificada de Galicia e con dúas certificacións. Son así xa un total de oito os servizos certificados en Calidade na Área Sanitaria de Ferrol.

 

Estas normas implican un compromiso coa calidade e coa mellora continua. Así o explicaban os distintos representantes destes servizos cando recibían os certificados de mans do responsable da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio Villanueva, nun acto no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. O xerente destacaba o agradecemento á Unidade de Calidade, no que coincidiron tódolos departamentos certificados, e ós e ás profesionais polo esforzo continuado en manter os requisitos esixidos. "Non podemos perder a referencia de que detrás de todo o que facemos está o cidadán”, e "traballar en calidade e seguridade” é fundamental.

 
O responsable de Nefroloxía, Pablo Bouza, interviña para expor os distintos aspectos que implica traballar na consecución dunha norma, como lle sucedeu a Hemodiálise,  a última incorporación, pero que se pode extrapolar ós esforzos de mellora de tódolos servizos certificados. "O obxectivo é identificar as situacións de risco ó longo dun episodio asistencial, e implantar accións para a súa redución e prevención. Acadar unha atención libre de danos evitables”. Este é, entre outros, un dos factores clave e beneficioso que trae consigo para a poboación da Área o feito de estar certificado: "o incremento da seguridade e minimizar os riscos”.

 
A norma "intensifica unha actitude proactiva, e é posible grazas á implicación de tódalas categorías sanitarias, con especial protagonismo da Enfermaría”, subliñaba Pablo Bouza. "É un elemento de cohesión dos servizos, con maior orientación cara ó paciente”; implica unha mellora continua; e "dá un sentido real á misión e visión da organización”. Traballar cun sistema de xestión de calidade, indican dende a Unidade de Calidade, supón recompilar toda a información relativa a esas tarefas, e realizar unha análise continua das mesmas. Implica contar con ferramentas de control sistemático, analizando e planificando moito máis as actividades.

 
As entidades certificadoras emiten un certificado se os servizos ou departamentos cumpren tódolos requisitos. Esta recertificación implica que se seguen a cumprir criterios de calidade, e a norma actual leva consigo unha análise máis ampla do Servizo Certificado, non só interna, se non tamén, entre outras cuestións, do seu contexto externo, político, económico, social e tecnolóxico (análise PEST); ou planifican en base a unha análise de debilidades e fortalezas (análise DAFO).

 
Ampla traxectoria en Calidade na Área Sanitaria ferrolá
Lembrar a aposta que se ten feito na Área sanitaria de Ferrol por traballar con criterios de calidade. Conta co primeiro servizo de Lavandería de España en obter un certificado de xestión de calidade, en febreiro do 2000; Farmacia, que foi tamén o primeiro en toda España, en marzo do ano 2001; o Laboratorio de Análises Clínicas era o primeiro do Servizo Galego de Saúde, en decembro de 2001; Subministracións, que se certificou no 2007; Microbioloxía, no ano 2012; Admisión e Documentación Clínica, no ano 2015; e Formación Continuada, no ano 2017, tamén o primeiro departamento de formación de Galicia en se certificar.

 

Ademais, foise evolucionando, adaptándose ás distintas circunstancias acaecidas ao longo dos anos, como o paso da norma ISO 9002:1994 á normativa ISO 9001:2000; ou a adaptación de toda a sistemática de calidade establecida, á estrutura derivada da creación da Área Sanitaria de Ferrol; a adaptación á ISO 9001:2008; ou, por último, a adaptación á ISO 9001:2015.

 
Belén González Veiga, en nome da Lavandería, destacaba o "compromiso coa calidade que implica a certificación”. Isaura Rodríguez, Penín, en nome de Farmacia, "esta certificación serviunos para aumentar a seguridade e a eficiencia”. María Fernández López, de Análises Clínicas, remarcaba o feito de "ofrecer asistencia baseada nunha mellora continua”; Soledad García González, de Subministracións, indicou que "traballar coa norma dá tranquilidade porque está todo protocolizado”.

Andrés Agulla Budiño, de Microbioloxía, destacou que "para nós supuxo traballar mellor e todos xuntos, xa que pon en valor todos os postos de traballo”. Coral Rodríguez Fouz, de Admisión, "levamos sete anos dentro desta gran familia que é o sistema de xestión de calidade da Área Sanitaria de Ferrol, e seguimos a traballar na identificación das partes interesadas para darlles unha resposta”. Angélica Mosconi Domínguez, de Formación Continuada, incidiu en que é a certificación "é un reforzo do noso modo de traballar”.
 
Área de Hemodiálise

 

O Servizo de Nefroloxía, a nova incorporación ó sistema de xestión de calidade do Complexo Hospitalario Universitario da Área Sanitaria de Ferrol, ocúpase da atención ás enfermidades do ril e hoxe se certifica xunto ós citados, e volve apostar pola calidade. Este Servizo ten como misión a atención ós pacientes con patoloxía renal, tanto aguda como crónica, ó longo dos diferentes estadios evolutivos da enfermidade. Un total de seis facultativos especialistas e doce profesionais de Enfermaría, entre diálise e consulta, ocúpanse do coidado dos pacientes, xunto co persoal de hospitalización, e contando igualmente co apoio dos profesionais dos centros de saúde en tódalas etapas da enfermidade. 
 
Nefroloxía abrangue a Hospitalización, as Consultas Externas, e a Unidade de Diálise. Esta Unidade ten capacidade para realizar tódalas diferentes terapias. Realízase Diálise domiciliaria e a hemodiálise. No caso da hemodiálise, que hoxe se certifica en Calidade, existe no Complexo para a súa aplicación un sistema de tratamento con capacidade de producir auga ultrapura, totalmente libre de contaminación bacteriana. Cóntase tamén con dispositivos portátiles para a hemodiálise domiciliaria, o que simplifica o tratamento e facilita o mantemento da vida social e laboral do paciente. Pola súa banda, nas consultas externas abórdase a Nefroloxía Xeral, e conta tamén con tres consultas monográficas, a de Enfermidades Glomerulares e Sistémicas, a de Enfermidades Renais Hereditarias e a de Enfermidade Renal Crónica Avanzada.

Saúdos de Comunicación da ÁREA SANITARIA DE FERROL do SERGAS.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss