O 061 DE GALICIA COLABORA CO MONBUS OBRADORIO NA FORMACIÓN EN TÉCNICAS DE SOPORTE VITAL BÁSICO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
16 10 2021

 

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, celebrou esta tarde un acto colaborativo  co equipo de baloncesto Monbus Obradoiro, co ánimo de impulsar a formación e difusión das técnicas de soporte vital básico entre a cidadanía.
 
Enmarcada nos actos do Día europeo de concienciación ante o paro cardíaco, a actividade tivo lugar na previa e no descanso do partido da liga ACB celebrado esta tarde na capital galega, contando coa participación da directora do 061, Adriana Regueira Pan.
 
Un ano máis, desde a Consellería de Sanidade e desde a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 sublíñase a importancia da concienciación da sociedade no recoñecemento dos sinais de morte súbita e das técnicas de reanimación cardiopulmonar básica, que resultan fundamentais tanto para salvar vidas como para diminuír posibles secuelas nos pacientes.
 
Por unha banda, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 organizou, no hall da entrada do Multiusos Fontes do Sar, un espazo para ensinar a realización das manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP) básica  a todos os asistentes ao partido que quixesen aprendelas. A formación foi impartida por seis instrutores de soporte vital básico e desfibrilación semiautomática que utilizaron seis torsos de reanimación para simular como actuar no caso de atoparse cunha persoa que sofra unha parada cardiorrespiratoria ata o momento que cheguen os profesionais do servizo público de emerxencias sanitarias.
 
Ademais, no descanso do partido, un destes monitores desprazouse ata a pista para ensinar as técnicas de soporte vital básico a un dos asistentes do partido, o actor e humorista, Víctor Fábregas -coñecido integrante do dúo humorístico Os Tonechos-. A formación foi retransmitida simultaneamente a todos os asistentes ao partido a través das pantallas da cancha co obxectivo de difundilo ao maior número de persoas.
 
Programas para a mellora da supervivencia
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade e de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 vén apostando por iniciativas que melloran a supervivencia nas paradas cardiorrespiratorias, como o programa de formación en reanimación cardiopulmonar RCP na Aula a través do que, desde o ano 2009, formáronse preto de 16.200 nenos.
 
Tamén o programa Acude e Axuda, que xa supera os 500 inscritos, permite tecer unha rede de persoas formadas en manobras de soporte vital básico e uso de DESA, que de xeito voluntario, están prestos a acudir inmediatamente ante unha situación de parada cardíaca en calquera punto da nosa Comunidade Autónoma.
 
Ademais, Galicia conta con máis de 2.100 desfibriladores semiautomáticos externos dados de alta para ser utilizados, en situación de necesidade, por calquera testemuña, seguindo as instrucións telefónicas dos médicos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
 
Os síntomas máis frecuentes da dor de orixe cardíaca son as molestias de aparición brusca, con sensación de opresión, que se localizan na zona central ou esquerda do tórax. A dor pode estenderse cara as costas, o brazo esquerdo, o colo e a mandíbula, e case nunca varía cos cambios de postura nin coa palpación. En ocasións, acompáñase de suor frío, palidez, náuseas, vómitos, mareos e pode provocar dificultade para respirar.
 
Como actuar ante un paro cardíaco
Se vostede sofre os síntomas descritos, debe manter a calma, afrouxar a roupa e permanecer sentado ou recostado. A chamada ao teléfono 0 6 1, nestas circunstancias, resulta vital. Mentres é atendido por un médico coordinador, especialista en atención telefónica ás urxencias e ás emerxencias, os recursos asistenciais son mobilizados ata o lugar no que se atope o paciente para a aplicación dun desfribrilador, nos casos indicados.
 
Ademais, a maioría das mortes evitables ocorren fóra dos centros hospitalarios, polo que as únicas medidas que aumentan a supervivencia, minimizando as posibles secuelas, son a masaxe cardíaca e a desfibrilación precoz, por iso é importante que a poboación as coñeza. Ambas as dúas constitúen parte fundamental da cadea de supervivencia, xunto coa activación inmediata do sistema de emerxencias, a través da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss