A XUNTA REMITE AO MINISTERIO DE SANIDADE 20 PROPOSTAS PARA MELLORAR O PROGRAMA FORMATIVO DE MEDICINA FAMILIAR E COMUNITARIA E FACILITAR A ACREDITACIÓN DE MÁIS UNIDADES DOCENTES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
18 10 2021
A Xunta de Galicia vén de remitir ao Ministerio de Sanidade 20 propostas para flexibilizar a acreditación de unidades docentes de medicina familiar e comunitaria e mellorar o seu programa formativo.
 
En relación aos criterios de acreditación das unidades docentes para a formación de especialistas en medicina familiar e comunitaria, a Xunta considera necesario a modificación do procedemento co obxecto de axilizalo e facilitar á incorporación de máis dispositivos á docencia.
  
Neste sento, formúlanse varias suxestións encamiñadas a flexibilizar a acreditación de unidades docentes, por exemplo desvinculando a designación dos titores para a acreditación do dispositivo de atención primaria, o que suporía independizar os procesos de acreditación de centros e de profesionais, ou deixando de esixir un tempo mínimo de funcionamento aos centros de saúde para seren acreditados, o que permitiría acreditar de inmediato os novos centros de saúde que entran en funcionamento.

Tamén propón a Xunta eliminar a vinculación que se vén realizando entre dispositivos de primaria e hospitalaria, o que permitiría que a formación nos centros de saúde non estea condicionada pola capacidade formativa do dispositivo hospitalario máis próximo.

Xunto a estas, engádense outra serie de medidas que rebaixan criterios de acreditación actualmente vixentes que se consideran excesivos e que teñen por obxectivo incrementar as prazas de que se dispón na actualidade para formación de especialistas, neste caso no ámbito da Medicina Familiar e Comunitaria,  mantendo, ao mesmo tempo, o nivel de calidade docente.
 
En relación coa tramitación das solicitudes de acreditación, a Xunta propón como medidas de simplificación do procedemento que o sistema de solicitude de acreditación de prazas estea aberto de xeito permanente e non por períodos curtos de tempo, como ocorre na actualidade e, complementariamente, a incorporación da figura da declaración responsable, que permitiría dispoñer dos novos dispositivos dende o día da súa presentación por parte da comunidade autónoma.
 

No relacionado co programa formativo, a Xunta considera necesario incorporar dentro da área docente de competencias esenciais, formación sobre telemedicina e competencias dixitais en saúde, así como temas clínicos pouco considerados ata o de agora, pero que serán a chave da atención primaria do futuro, como a atención á cronicidade, o envellecemento saudable, o manexo da dor, o traballo en rede ou a xestión de consulta.

Tamén considérase necesario incrementar o tempo de formación que os residentes da especialidade de medicina familiar e comunitaria pasan nos dispositivos de atención primaria. Actualmente, o programa formativo recolle un número de meses case igual en centros de primaria e hospital, algo que a Xunta defende mudar para reforzar a súa presencia na atención primaria e favorecer así a organización docente, primando a adquisición das competencias nos dispositivos máis axeitados para facelo.

Outra das suxestións incide, dunha forma clara, na necesidade de que os residentes adquiran unha autonomía progresiva no seu desempeño e que, no cuarto ano de formación, sexan capaces de participar de xeito activo nas actividades do centro de saúde e de facerse cargo, de forma autónoma e completa, dunha consulta de medicina de familia, coa mesma autonomía que teñen os residentes nun centro hospitalario.
 
Compromiso da Xunta na formación sanitaria especializada
Cómpre lembrar que a acreditación de prazas por parte do Ministerio de Sanidade, dentro das súas competencias, marca o límite máximo de profesionais residentes a formar unha Comunidade Autónoma, polo que dende a Xunta de Galicia se considera necesario facilitar o proceso para incrementar esta oferta.
 
A oferta de prazas de formación sanitaria especializada en Galicia para este ano supón dun total de 543, a maior das convocatorias feitas ata o momento, cun incremento total de 52 prazas sobre a anterior e cubrindo o 100 % das acreditadas na especialidade de  medicina familiar e comunitaria. Estas prazas de formación son financiadas na súa totalidade pola comunidade autónoma.
 
Así, o proxecto de Orzamentos de Galicia para 2022 contempla 162 novas prazas de persoal residente en formación, o que supón un incremento dun 5% nos fondos de persoal do programa de formación sanitaria, superando os 61 millóns de euros.
 

Para poder aumentar estas prazas e abordar o problema de déficit de especialistas en medicina familiar e comunitaria que sofre o Sistema Nacional de Saúde, a Xunta trasladou no Consello Interterritorial monográfico sobre atención primaria, celebrado en Canarias a comezos deste mes, varias demandas, entre as que se atopaba a revisión dos criterios de acreditación de prazas de formación para a especialidade de medicina familiar e comunitaria, que agora concreta con esta remisión de suxestións, así como o incremento extraordinario do número de prazas MIR.

Ao tempo, tal e como se aprobou no Consello da Xunta da pasada semana, Galicia avanza na regulación da parte que lle corresponde desta formación, iniciando o trámite dun decreto de ordenación do sistema de formación sanitaria especializada que pretende aumentar o número de profesionais sanitarios que colaboren nesta formación, poñendo en valor a figura dos titores e dos xefes de estudo, recoñecendo a través de baremos as súas achegas, axudándolles na súa carreira profesional ou en concursos de traslado e ampliando as facilidades para exercer a docencia, con redución de horas asistenciais.

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss