A AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE E A EMPRESA TOYOTA ESPAÑA DESENVOLVEN A PRIMEIRA CAMPAÑA CONXUNTA A PROL DA DOAZÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
22 10 2021

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), realiza a primeira campaña de doazón de sangue nos concesionarios de Toyota en Galicia. Esta acción solidaria realizarase a última semana de outubro e a primeira de novembro. Participarán tres concesionarios da Rede Oficial de Concesionarios de Toyota España:  Perillo-Oleiros, Santiago de Compostela  e Ourense.

A campaña arrancará o próximo luns 25 de outubro no concesionario Compostela Móbil de Santiago de Compostela, en xornada de 9.00 a 14.30 horas e 16.30 a 21.00 horas. Continuará o venres 29 de outubro, de 09.30 a 14.30 horas, no concesionario Oficial Toyota Ourense, nas instalacións de San Cibrao das Viñas. Concluirá o martes 2 de novembro no concesionario Breogán Motor, nas instalacións de Perillo-Oleiros, en horario de 09.30 a 14.30 horas.

Para agradecer a solidariedade dos doantes de sangue, Toyota España sorteará diversos packs de merchandising olímpico e paralímpico de Start Your Impossible—Pon en marcha o teu imposible—, lema da campaña global de Toyota, na que, dende diferentes ámbitos, se defende a capacidade humana para superar barreiras  e acadar imposibles.

Toyota, dentro da súa estratexia corporativa Beyond Zero, ten entre os seus piares mellorar a sociedade naqueles lugares nos que a compañía está establecida. A entidade pon a disposición de ADOS os seus concesionarios de Galicia para garantir as reservas de sangue e dar resposta á demanda hemoterápica de todos os hospitais de Galicia.

Sensibilización e colaboración
A dirección de ADOS quere poñer en valor a implicación e compromiso de Toyota España co desenvolvemento das campañas de doazón de sangue nos seus concesionarios.
 
Así mesmo, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue quere agradecer o seu compromiso e colaboración á Dirección de Toyota España e de todos os departamentos que integran a empresa, facendo, como non podía ser doutro xeito, extensivo este agradecemento a todos os traballadores e traballadoras que doen sangue. 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss