PREMIADO A NIVEL NACIONAL UN TRABALLO SOBRE HÁBITOS NUTRICIONAIS NOS PROFESIONAIS DA ÁREA SANITARIA DE FERROL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
23 10 2021

​Un traballo sobre Hábitos nutricionais e autopercepción do peso nos sanitarios da Área Sanitaria de Ferrol foi premiado a nivel nacional no 62 Congreso da Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición, que se celebrou en Sevilla entre os días 13 e 15 de outubro. Este é o Traballo Fin de Grao de Cristina Santiago Vázquez, que era unha alumna de sexto de Medicina que realizou o seu rotatorio no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, coa titoría de Cristina Tejera Pérez, especialista en Endocrinoloxía do Complexo ferrolán.

 
Contouse neste traballo coa participación voluntaria de 330 profesionais de distintas categorías sanitarias tanto dos hospitais do Complexo como dos centros de saúde, e tamén estudantes sanitarios da Área Sanitaria de Ferrol, que cubriron unha enquisa na que se incluían datos antropométricos e preguntas acerca da autopercepción do seu peso e estado de saúde, hábitos saudables e realización de exercicio físico ou outras actividades. Abranguíanse cuestións como consumo diario de determinados alimentos tanto procesados como non procesados, "picoteo” entre horas, ausencia de almorzo, tempo que pasan sentados ó día, hábitos de exercicio, horas de sono, ou consumo de tabaco.

 
Estes 330 participantes teñen unha idade media de 43 anos, sendo o valor mínimo 18 anos e o máximo 66. O peso medio da mostra é de 68 quilogramos e o Índice de Masa Corporal (IMC) de 24,4, sendo o valor mínimo 17,5 e o máximo 38,5. O obxectivo era explorar o estilo de vida desta poboación e relacionalo co seu estado de saúde ou tipo de traballo a desempeñar. Destaca o feito de que non había documentación realizada neste campo, xa que se estudan habitualmente factores de risco ou protectores da poboación xeral, pero pouco no ámbito dos profesionais sanitarios.

 
Conclusións do traballo
En termos xerais, o 67% de mostra considera o seu estado xeral de saúde como bo, o 18,2% como moi bo, o 13% regular, e o 0,3% malo. E a maior parte de cada grupo ten unha correcta percepción do seu peso. Entre as distintas conclusións que se derivan destacan que os suxeitos con baixo peso e sobrepeso sobreestiman o seu estado de saúde, considerándoo mellor do que lles correspondería polo seu peso, mentres que aqueles con obesidade definen o seu estado de saúde como regular.

Os enquisados con sobrepeso e obesidade realizaban menos frecuentemente actividade física no seu tempo libre, eran máis asiduos a picotear entre horas e almorzaban menos a miúdo que os enquisados con normopeso. Dentro do grupo de obesidade destaca tamén a frecuencia máis elevada de familiares con sobrepeso ou obesidade, o patrón de sono máis desorganizado ou con menos de 6 horas de sono, así como o maior consumo de carne e comidas procesadas diariamente que o resto da poboación a estudo. Así, a ausencia de actividade física, o hábito de picotear entre horas de xeito frecuente, saltarse o almorzo, ou o consumo de comidas procesadas asóciase coas persoas de máis IMC. Ademais, o hábito tabáquico predominaba no grupo de suxeitos con baixo peso.
 
Por outra banda, buscouse afondar en certos aspectos máis relacionados co labor sanitario, como a realización de quendas de 24 horas ou o patrón de sono desorganizado, e como influían no seu estado de saúde. Atopouse que a realización de quendas de 24 horas non inflúe negativamente no IMC dos sanitarios da mostra.
 

"Trátase do primeiro traballo desta índole realizado no noso centro e que pode servir de base para promover estratexias saudables entre os profesionais da nosa Área”, indica a titora e especialista en Endocrinoloxía da Área, Cristina Tejera. Coñecendo os datos que se recolleron poderíanse realizar campañas de promoción da saúde enfocadas a este grupo, e incidindo naqueles aspectos que se ten visto inflúen máis negativamente na súa saúde.

Saúdos de Comunicación da ÁREA SANITARIA DE FERROL do SERGAS.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss