O CONSELLEIRO DE SANIDADE DESTACA QUE NESTE ANO INCORPORÁRONSE AO CADRO DE PERSOAL DO SERGAS UN TOTAL DE 1.640 PROFESIONAIS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
24 10 2021

 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou hoxe o Recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda, onde tivo lugar a última das probas selectivas do Servizo Galego de Saúde para cubrir 1.311 prazas de 48 categorías/especialidades. Os convocados para este día eran os aspirantes da categoría de técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico. Dos 1.522 convocados hoxe acudiron 1.215, o que supón unha participación do 79,8%.

Na xornada tamén estivo presente a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez.

Tal e como destacou o conselleiro, no ano 2021 incorporáronse ao cadro de persoal fixo do Sergas un total de 1.640 profesionais, dos que 254 son médicos de familia, 93 pediatras de primaria; 7 odontólogos tamén de primaria; 126 persoal de servizos xerais; 71 fisioterapeutas; 772 técnicos en coidados auxiliares de enfermería; 89 matronas; 2 persoal de enfermería especialista en enfermería do traballo; 30 en enfermería familiar e comunitaria; 30 en enfermería de saúde mental; e 166 en enfermería pediátrica.

Durante este ano, -remarcou García Comesaña-, o Sergas desenvolveu as probas selectivas para o acceso a 49 categorías/especialidades de persoal estatutario, co obxecto de cubrir un total de 1.320 prazas.

No segundo semestre de 2021, desde o 18 de setembro ata o 24 de outubro, distribuídas en oito xornadas de exame, realizáronse os exercicios da fase de oposición para a cobertura dun total de 1.311 prazas, das que 892 corresponden a 39 especialidades de facultativo de área, 89 a médico de urxencias hospitalarias, 10 a médico asistencial do 061 e cinco a médico de admisión e documentación clínica. Así mesmo, desenvolvéronse os exercicios para cubrir 315 prazas de técnico sanitario das especialidades de farmacia, laboratorio de diagnóstico clínico, imaxe para o diagnóstico, hixiene bucodental, anatomía patolóxica e citoloxía e radioterapia.

En todas as probas celebradas ata a data, -subliñou o conselleiro-, a participación foi alta, situándose de media nunha porcentaxe superior ao 80%.

Novas probas no primeiros semestre de 2022
García Comesaña sinalou que, no primeiro semestre do próximo ano, está prevista a realización das probas selectivas para o acceso a 24 categorías de persoal de xestión e servizos, pertencentes aos colectivos profesionais de mantemento, hostalería, traballo social e informática, así como facultativo especialista de área das especialidades de cirurxía oral e maxilofacial, cirurxía pediátrica, cirurxía plástica, estética e reparadora, inmunoloxía e oncoloxía radioterápica, ademais de logopeda e terapeuta ocupacional.
 
Así mesmo, desenvolveranse novos procesos para o acceso a prazas reservadas a persoas que acrediten unha discapacidade intelectual, nas categorías de pinche e técnico en farmacia, con temarios e probas adaptadas, avanzando así na integración laboral deste colectivo.
 
O número de prazas convocadas é de 680, -dixo o conselleiro-.
 
Proximamente, procederase á publicación dos listados definitivos de admitidos e excluídos e a continuación ao nomeamento e constitución dos correspondentes tribunais de selección.
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss