O SERGAS REXISTROU MÁIS DE 2.000 ACTIVACIÓNS DE ICTUS DURANTE O PRESENTE ANO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
28 10 2021

O Servizo Galego de Saúde rexistrou un total de 2.009 activacións vencelladas ao Ictus durante os primeiros dez meses do ano 2021. Neste senso, e con motivo do Día Mundial do Ictus, que se celebra mañá, 29 de outubro, Sanidade lembra da importancia de facer exercicio e manter unha dieta san para reducir as posibilidades de sofrir un accidente cerebrovascular, así como a necesidade de levar un control sobre a tensión, o azucre e o colesterol; ademais de  evitar hábitos tóxicos, como o tabaco.
 
Desde o ano 2016, no que a Xunta de Galicia puxo en marcha o Plan Galego de atención ao Ictus, o número de códigos activados xa superou a cifra dos 12.000. Así mesmo, en canto ás fibrinolises intravenosas, rexistráronse máis de 2.200 e, no caso das trombectomías mecánicas realizadas neste lustro, superáronse as 1.300.
 
Mediante o Plan Galego de atención ao Ictus, a Xunta artellou unha rede de atención para toda comunidade galega, cunha xestión que funciona como unha área única ao ser coordinada pola Central de Atención ao Ictus (CAI). Nesta central, activa as 24 horas dos 365 días do ano, un equipo de neurólogos expertos en manexo e diagnóstico de Ictus,  ofrecen a través da telemedicina, soporte ao persoal médico responsable de calquera dos hospitais da rede sanitaria galega, tendo un acceso directo a videoconferencia entre centros e podendo empregar a historia clínica electrónica como elemento integrador da información.
 
A rede asistencial galega conta con tres Unidades de Ictus emprazadas no Complexos Hospitalarios de Santiago de Compostela,  A Coruña  e no Hospital Álvaro Cunqueiro. Así mesmo, os hospitais de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Burela e POVISA, contan con senllos Equipos Ictus.
 
Detectar os tres F:  Fala, Forza e Faciana
 
O Ictus é unha enfermidade producida por un trastorno brusco da circulación cerebral que altera o funcionamento dunha ou varias áreas do cerebro.
 
Fundamentalmente existen dous tipos de ictus: o ictus isquémico -o máis frecuente-, prodúcese pola obstrución ou taponamento dun vaso, que impide que o sangue chegue a unha ou varias áreas do cerebro. A interrupción do fluxo sanguíneo provoca unha diminución da achega continua de osíxeno e nutrientes que precisan as neuronas para poder desenvolver as súas funcións. Se esta situación se mantén no tempo, pode quedar unha lesión permanente na rexión afectada. O segundo tipo de ictus é o hemorráxico, que se orixina a consecuencia da ruptura dun vaso dentro do cerebro ou nas súas envolturas, causando unha hemorraxia cerebral.
 
O Ictus preséntase de forma brusca e inesperada; constituíndo unha emerxencia médica que require dunha intervención inmediata para realizar o seu  diagnóstico e tratamento. Xeralmente, maniféstase coa perda de forza, visión, sensibilidade, ou tamén con alteracións na fala. Coñecidos como os tres F: Forza, Fala e Faciana, estas manifestación resultan clave para recoñecer un ictus e alertar do mesmo o antes posible. Na Fala, ao non ser capaz de dicir correctamente palabras simples; na Forza, ao non poder elevar os brazos á mesma altura máis de dez segundos; e na Faciana, ante a imposibilidade de amosar todos os dentes ao sorrir.
 
Esta patoloxía é o resultado da confluencia dun determinado estilo de vida e de circunstancias persoais. Os factores de risco máis importantes son a idade (máis frecuente en maiores de 60 anos); os antecedentes persoais ou familiares de enfermidades cardiovasculares; a hipertensión arterial; as dislipemias (colesterol e outros lípidos aumentados); a diabetes mellitus; o consumo de tabaco, alcohol e drogas; e a vida sedentaria.
 
Cando unha persoa sofre un ictus isquémico, prodúcese rapidamente unha zona de tecido infartado irreversible, rodeada por outra de tecido potencialmente salvable durante un curto tempo denominado "ventá terapéutica". É neste  espazo de tempo onde os servizos sanitarios deben que actuar dun xeito rápido e coordinado para previr ou minimizar o tamaño da lesión cerebral.
 
Por elo, é importante que a cidadanía saiba identificar que pode estar a sufrir un Ictus, e así non demorar acudir aos servizos asistenciais, xa que tal e como se recolle no Plan: “O tempo é cerebro”. Así, con motivo do Día Mundial do Ictus, a Consellería de Sanidade lembra a importancia da súa detección precoz.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss